DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A aplicación desta ciencia mellora o diagnóstico e tratamento de diversas enfermidades

Vigo convértese na referencia europea en cronobioloxía e cronoterapia

A EE de Telecomunicación acolle este semana a 26 xuntanza anual da Sociedade Internacional de Cronob

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 05/07/2010

Aproveitando a celebración no campus da 26 xuntanza anual da Sociedade Internacional de Cronobioloxía, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación acolleu este luns a posta en marcha oficial da Sociedade Española de Cronobioloxía Aplicada, Cronoterapia e Risco Vascular, a primeira en Europa destas características. Con sede na Universidade de Vigo e co catedrático Ramón Hermida como primeiro presidente, a nova sociedade será a homóloga europea da sociedade americana desta disciplina, o referente mundial dunha ciencia que aplica os ciclos temporais á medicina co obxectivo de mellorar o diagnóstico e tratamento de diversas enfermidades, desde a hipertensión ata as múltiples patoloxías cardiovasculares.

A nova sociedade terá agora como obxectivos difundir os resultados que se van producindo neste campo e servirá de ponte entre investigadores de toda España e do eido internacional. Ademais o seu papel será fundamental á hora de planificar e desenvolver novos proxectos de investigación no ámbito da cronobioloxía aplicada a distintas patoloxías, dende as cardiovasculares ata as relacionadas co sono, a diabetes ou mesmo a oncoloxía, “en resumo, en todos aqueles ámbitos de actuación nos que existen xa grupos de amplo prestixio internacional desenvolvendo este labor”, subliñaba Hermida, director do Laboratorio de Cronobioloxía e coordinador do proxecto Hygia, no que se integran xa arredor de 220 investigadores de máis de 30 centros médicos de toda Galicia.

200 participantes dos cinco continentes

O encontro, no que se reúnen 200 participantes procedentes dos cinco continentes, trouxo ata Vigo aos maiores expertos neste campo, entre eles o profesor holandés Wop Rietveld, presidente desta sociedade internacional e “pai” da disciplina, que foi o encargado de inaugurar o encontro xunto ao vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández e o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Nun acto no que non faltaron símiles futbolísticos, en referencia ao mundial deste deporte que se está a celebrar en Sudáfrica, todos destacaron o compromiso desta sociedade coa promoción da toma de conciencia da importancia de ter en conta o tempo, a dinámica dos parámetros e indicadores que permiten facer un diagnóstico, pautar unha medicación e comprobar a súa efectividade. “Este é un bo exemplo de aplicación dos resultados da investigación á mellora da saúde pública e, polo tanto, do benestar en xeral”, subliñou o vicerreitor, ao que engadiu que tamén é un bo exemplo do papel que debe xogar a Universidade en tempos de crise.

Dous anos de proxecto Hygia

A primeira xornada do congreso incluíu tamén unha reunión de investigadores do proxecto Hygia, para estudar a súa evolución nos dous anos de desenvolvemento do proxecto, facer unha valoración do seu estado actual e resumir parte dos resultados científicos que foron xa expostos en diferentes congresos internacionais, os últimos en Nova Iork e Oslo. “Ademais, formulamos tamén as novas liñas de actuación que se potenciarán a partir do outono e aproveitouse para facer entrega dun dobre premio de investigación, concedido pola empresa Proinsa a dous dos investigadores da rede”, subliñou Hermida, quen explicou que a nova sociedade potenciará o proxecto e abre as portas a unha probable rede española, “aínda que o noso obxectivo fundamental é centrarnos en Galicia e asegurarnos de que os centros que xa están no proxecto teñan unha formación continuada e contan cada vez con máis medios, así como que os novos que se integren se lles poida dar toda a axuda necesaria para que se poidan pór a traballar da forma máis conveniente posible”, engadiu.

Presentación resultados pioneiros

En canto aos contidos do programa, un dos momentos máis importantes, desde o punto de vista dos avances que se van comunicar, producirase este martes coa presentación de dúas sesións plenarias. Na primeira abordarase a cronobioloxía en cardiopatía vascular e nela presentaranse resultados “que son absolutamente novidosos” adiantaba Hermida, no referente a como a cronoterapia no ámbito da hipertensión arterial non só conduce a un mellor control da presión arterial e un maior control do paciente hipertenso, senón que tamén reduce de forma moi notoria o risco cardiovascular. “Será un dos intres máis importantes do congreso, posto que os resultados supoñen unha novidade absoluta en canto non houbo na historia da Medicina un estudo que abordase esas hipóteses previamente”, engadiu.

Na outra sesión plenaria, a que asistirá Alex Roca, presidente da Sociedade Española de Hipertensión, un panel de expertos a nivel internacional vai discutir as controversias sobre a utilización da monitorización ambulatoria a nivel asistencial e vanse a expor resultados pioneiros con respecto ao que está achegando Galicia neste ámbito. Na sesión de comunicacións libres, xa pola tarde, falarase dos efectos da luz artificial sobre cambios na personalidade e no estrés.