DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O sistema poderá extenderse ao resto de universidades marroquís

Vigo coordina un proxecto que lle dá aos servizos administrativos da Presidencia da Universidade de Marrakech a Certificación ISO 9001:2000

Convértese na primeira do Magreb en conseguir este coñecemento

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 01/12/2008

A cooperación entre as universidades Cadi Ayyad de Marrakech e Vigo a través dun proxecto Tempus Meda da Unión Europea posibilitou a implantación nos Servizos Centrais da Presidencia da universidade máis grande de Marrocos dun sistema de xestión da calidade que acaba de obter a Certificación ISO 9001:2000. Con este recoñecemento Marrakech convértese na primeira universidade do Magreb que pasa un proceso de certificación da xestión, un feito que non pasou desapercibido para o goberno do país que participará este mes no acto oficial de entrega do certificado.
O proxecto, de tres anos de duración e medio millón de euros de orzamento, iniciouse en xuño de 2007 baixo a coordinación de Anselmo Seoane, director da Oficina de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo, co obxectivo de deseñar e implantar o sistema de xestión da calidade dos servizos administrativos da Universidade de Marrakech. Tal como apunta o vicerreitor de novas tecnoloxías e calidade, Anxo Sánchez Bermúdez, “a consecución do proxecto en si foi xa un éxito, pois é todo un mérito estar no puzle de universidades que foron elixidas para implantar os nosos sistemas de calidade en África e é un éxito tamén porque é unha forma máis, e moi positiva, de situar a Universidade de Vigo no mundo”.
Na mesma liña, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, apunta que “agora, esta distinción confirma o elevado nivel da Universidade de Vigo en temas de calidade e é un recoñecemento máis ao excelente traballo desenvolvido pola Vicerreitoría de Novas Tecnoloxías e Calidade”, ao tempo que recalcou que esta iniciativa é un “bo exemplo de que accións participadas por distintas vicerreitorías acadan excelentes resultados”. Unha idea que tamén comparte Sánchez Bermúdez, quen destaca que “se trata sobre todo dun proxecto de cooperación internacional e, precisamente, a colaboración de todos foi a que permitiu culminar con éxito un proxecto moi interesante, se ben o principal mérito é da ORI”.

O resto de universidades marroquís poderán beneficiarse do sistema

Baixo o título Xestión da Universidade pola Calidade, MUQ (Management Université Qualité), o proxecto acaba de rematar a primeira etapa, un ano no que se implantou o sistema de xestión da calidade nos Servizos Centrais, o que eles denominan Presidencia e equivale aquí a Reitoría.
Como en todo proceso de implantación dun sistema de xestión de calidade ademais de deseñar e implantar hai que certificar que o sistema funciona. Pasada a auditoría de certificación con éxito pola empresa Bureau Veritas “o seguinte paso é adaptar o mesmo modelo ao resto de centros e conseguir tamén a certificación alcanzada para a Presidencia”, sinala Anselmo Seoane.
O segundo ano, que se iniciará en decembro, consistirá na aplicación do mesmo modelo a sete centros, e no último, completaranse outros sete, acadando así a totalidade de centros desta universidade marroquí. Ao mesmo tempo darase tamén entrada ao resto de universidades marroquís que queiran participar, “de xeito que cun sistema de xestión de calidade piloto se poidan beneficiar todas as universidades que queiran, empregando o mesmo modelo de xestión de calidade que xa está deseñado e posto en marcha”, explica Seoane, director do proxecto.

Un traballo de colaboración continúa

Para levar a cabo o deseño e implantación do sistema contouse coa participación de dúas expertas en temas de calidade: Elina Álvarez, da Universidade de Vigo, e Mónica Rodríguez, da empresa Externaliza S.L. que, cada dous meses se desprazaron á universidade de Marrakech.
Alí formouse un grupo de traballo de vinte cinco persoas, ademais dun equipo de dirección da Presidencia, todos eles responsables dos diferentes procesos administrativos. “A dedicación persoal ao proxecto foi enorme, tanto pola nosa parte como pola súa, o que, sen dúbida incidiu no éxito do proxecto e no cumprimento dos prazos”, salientou Elina Álvarez. Ademais, as novas tecnoloxías tamén axudaron ao seguimento do proxecto, “todos os meses, por exemplo, realizáronse videoconferencias para pór en común os avances e planificar novas accións”, engade a experta en calidade.
Neste senso, o director do proxecto incidiu en que todos os informes de seguimento emitidos pola Unión Europea foron favorables, “dende Bruxelas amosaron un amplo interese polo proxecto e sempre deron o visto e bo a uns informes que son moi minuciosos, tanto desde o punto de vista técnico como económico ”.
Esta cooperación entre profesionais de distintos países permitiu intercambiar non só coñecementos e técnicas de xestión, senón que tamén supuxo un enorme enriquecemento cultural para os participantes no programa, un xeito extraordinario de intercambiar formas de pensar, costumes, hábitos de vida... “é un proxecto moi longo no que se crean lazos de cooperación moi fortes”, destaca Álvarez.

Unha relación que ven de longo

Ao abeiro deste proxecto asinouse tamén un convenio específico que vai permitir a mobilidade de estudantes, profesores e persoal de administración e servizos entre ambas universidades, pero as colaboracións entre Marrocos e Vigo non son novas, desde a ORI xa se xestionou outro proxecto europeo TEMPUS que permitiu a instalación de Oficinas de Relacións Institucionais en catorce universidades e o Ministerio de Educación marroquís. “Foi un traballo que facilitou que un importante número de universidades marroquís visitaran o campus de Vigo e que permitiu tamén editar unha serie de manuais de calidade en español, árabe e galego”, lembrou Iván Area.