DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo estará acompañado pola fadista Mafalda Arnauth

Vigo descubrirá o último traballo de Milladoiro,“A Quinta das lágrimas”, no concerto de Nadal da Universidade

O mércores 17 de decembro no Centro Cultural Caixanova

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 12/12/2008

O lugar preto de Coímbra, onde Dona Inés de Castro foi asasinada por causa do seu amor prohibido co infante Don Pedro, foi o elixido polo grupo Milladoiro para dar título ao seu último traballo. Pero máis alá da historia da galega que viviu un romance co infante portugués no século XIV, A Quinta das Lágrimas é unha viaxe musical a través da relación entre Galicia e Portugal dende o medievo ata a caída das ditaduras. Así as cantigas de Alfonso X, os poemas de Pessoa e de Manoel Antonio e as cancións de José Afonso e Emilio Batallán, discorren por un disco “distinto dentro da traxectoria o grupo, por que é moi cantado”, asegura Antón Seoane, integrante de Milladoiro.
O disco que tivo a súa orixe nun encargo do Eixo Atlántico, presentarase o vindeiro 17 de decembro en Vigo no concerto de Nadal da Universidade que terá lugar no Centro Cultural Caixanova. “É o peche á actividade cultural do primeiro cuadrimestre”, asegura Mª del Carmen Cabeza, vicerreitora de Extensión Cultural, “pero sobre todo é un punto de encontro da comunidade universitaria e a cidade nun lugar moi simbólico como é o Centro Cultural Caixanova”. Un espazo que un ano máis quedará pequeno para acoller aos 1000 membros da comunidade universitaria que xa dispoñen da súa invitación ou que poderán recollela a partir do luns,15 de decembro.

Os universitarios que tocan folk

En trinta anos de carreira musical os Milladoiro tiveron tempo de cruzar a súa traxectoria coa da Universidade de Vigo en varias ocasións. “Fixemos un himno e tamén participamos noutros concertos”, sinala Antón Seoane que sorrí ao lembrar os inicios do grupo cando actuaban en países de América Latina, “nos que eramos presentados como un grupo que toca folk e que son universitarios”.
Este novo reencontro entre o grupo e a institución responde, segundo sinala Mª del Carmen Cabeza “á firme aposta da Universidade de Vigo pola nosa música. Algo que comezamos hai uns anos e que mantemos tamén neste 2008 co concerto dun grupo senlleiro da nosa música como é Milladoiro”. Tanto este ano como en anteriores a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes destaca “a colaboración de Caixanova coa celebración non só deste acto co que poñemos punto e final a programación do primeiro cuadrimestre, senón con boa parte da actividade cultural da Universidade de Vigo, razón pola que lle estamos moi agradecidos”.

Das aulas de Facultade de Veterinaria ás casas de fado

Vinte e tres discos despois de A Galicia de Maeloc, Milladoiro presenta un novo traballo no que o peso dos textos require dunha especial interpretación. “A voz feminina galega tiñamos claro que era a de Laura Amado”, sinala Antón Seoane, “ e no caso da portuguesa queriamos unha voz poderosa que é a que ten Mafalda Arnauth”. Sobre a fadista lisboeta que abandonou a Facultade de Veterinaria en 5º curso polo escenarios, Seoane vai máis alá asegurando que “Mafalda aínda conserva esa inocencia,ese espazo virxinal do que carecemos os artistas que levamos moitos anos en escena e somos un pouco narcisistas”. Con cinco discos no mercado, Mafalda Arnauth é aos 34 anos un referente mundial do fado, un xénero que sobre todo no seu último disco, Diario, traballa por desmitificar como algo negro e pesado, o que a leva a dicir de viva voz: “ja lá vai o fado escuro; ja lá vai o medo em muro”.

Milladoiro, Mafalda Arnauth e ...

O concerto que comezará ás 20.30 e que porá punto final ás actividades culturais do primeiro cuadrimestre da Universidade de Vigo, garda algunha sorpresa para os asistentes. “Seguindo a tradición de anos anteriores”, asegura Mª del Carmen Cabeza, “o factor sorpresa estará presente ao final do concerto. Así que se faltaba algún aliciente, aí hai outro máis”. Un aceno de complicidade coa comunidade universitaria que en anos anteriores tivo ocasión de disfrutar da música de Carlos Núñez e Paddy Moloney, Son de seu, Luar na lubre ou Uxia e Joao Afonso.