DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O primeiro posto foi para A Coruña, co que Galicia terá dous equipos no WUC 2018

Vigo faise coa prata no Campionato de España Universitario de vela e clasifícase para o mundial de Francia

No nacional de natación a institución obtivo dúas medallas de prata

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 11/05/2018

O Campionato de España Universitario de vela, celebrado esta semana en Alacante, deixa unha das mellores noticias da temporada deportiva para a Universidade. O equipo vigués acadou a medalla de prata e, deste xeito, clasifícase para o mundial universitario de Francia este verán. En total participaron 12 universidades españolas con barcos Tom 28 e tripulacións de cinco persoas. A prata viguesa foi obtida por Marcos Manuel Castro, Alberto Basadre, Kevin Simón Figueiras e Rodrigo Rodríguez e Hugo Fernández. Por diante de Vigo, a Universidade da Coruña fíxose co primeiro posto, polo que Galicia terá dous equipos no mundial universitario deste ano. O podio complétao a Universidade Politécnica de Cataluña que obtivo a medalla de bronce.

O adestrador do equipo, Hugo Fernández considera que Vigo asinou un “moi bo campionato” nunha edición “cun gran nivel, máis que o ano pasado”, na que participaron regatistas olímpicos, con medallas de ouro e varios campións do mundo, como é o caso de Sofía Toro, Silvia Mas, Jorge Martínez Doreste ou José Manuel Ruiz. “A priori as nosas expectativas eran loitar para estar no grupo dos cinco primeiros, incluso chegar ao podio, pelexando cos grandes favoritos: UCAM, Politécnica de Valencia, Universitat de les Illes Balears, Internacional de Cataluña, Politécnica de Cataluña e Universidade da Coruña. “Eran rivais difíciles de superar e, de feito, estivemos apertados ata a última proba”, cando se confirmou o segundo posto para Vigo, que estivo preto incluso de clasificarse por diante da Universidade da Coruña. O adestrador olívico fai, polo tanto, un balance positivo e recoñece que “os resultados incluso superaron as expectativas, loitamos dende a primeira proba ata a última e incluso gañamos tres das seis probas disputadas”.

Un pase para o mundial universitario de vela

Nesta edición o equipo da Universidade de Vigo asinou o seu mellor resultado na competición nacional, logro de especial relevancia xa que non foron moitas as participacións viguesas no CEU de vela e, sobre todo, porque lles outorga unha praza no mundial universitario. A proba internacional disputarase en Cherbourg, Francia, entre o 31 de agosto e o 5 de setembro e supón “unha excelente noticia, unha inxección extra de motivación para seguir loitando por este equipo da Universidade de Vigo”, remarca Fernández. O adestrador vigués tamén considera moi positivo que Galicia estea representada por dous equipos nesta cita mundialista. “Para nós será a primeira participación neste evento internacional” que non se celebra todos os anos e, neste sentido, subliña que non teñen expectativas. “Non coñecemos como é o nivel, só sabemos que participarán 40 universidades de todo o mundo, pero agardamos facer un bo papel e quizais poder estar loitando entre os 15 primeiros clasificados”, conclúe.

Dúas pratas no CEU de natación

Tamén esta semana tivo lugar o Campionato de España Universitario de natación, probablemente a cita de maior nivel do deporte universitario nacional, ao contar coa participación de nadadores e nadadoras de elite, entre eles boa parte da selección española e do equipo olímpico, nomes tan coñecidos como Mireia Belmonte ou Melani Costa.

A cita foi na piscina cuberta de Las Fuentezuelas, en Jaén, este martes e mércores, e a Universidade acudiu cun equipo composto por tres homes e unha muller coa vista posta en tentar conseguir unha medalla, un obxectivo ben complexo polo alto nivel dos competidores. Finalmente non foi un só metal, senón dous, en concreto dúas pratas obtidas por Daniel Sánchez Louzán nos 100 metros e nos 50 metros costas masculino, na primeira distancia cun tempo de 55.86 e na segunda de 25.51. Deste xeito, a Universidade de Vigo queda na clasificatoria xeral no posto décimo sexto, nunha táboa encabezada pola Universidad Católica San Antonio de Murcia que obtivo un total de 40 medallas, 24 delas de ouro.