DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa celebración do XXXVII Simposio da Asociación Española de Economía, que reúne a 370 expertos

Vigo, na fronteira do coñecemento actual da ciencia económica

A crise é, durante estes días, un dos temas principais de debate para os investigadores

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 13/12/2012
A crise é o elemento central pero non o único que se aborda estes días no do XXXVII Simposio da Asociación Española de Economía, que reúne a 370 expertos nacionais e estranxeiros en Vigo. Entre todos debullan os retos da economía neste novo milenio e presentan os traballos de investigación na fronteira do coñecemento actual da ciencia económica. É por isto que o presidente co comité organizador, o profesor Jaime Alonso, destaca a relevancia deste evento para a Universidade de Vigo, elixida como anfitrioa do simposio, na súa trixésimo sétima edición. “Como membros do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e Historia e Institucións Económicas e como parte da comunidade científica sermos os elixidos é moi importante”, tanto polo recoñecemento nacional e internacional á sección de Economía da Universidade como pola honra de “acoller a presentación de traballos punteiros e transcendentes”. Ademais, subliñan o importante estímulo económico que este evento pode representar para Vigo, polo volume de asistentes e duración do congreso, que ficarán na cidade ata o vindeiro sábado. O 40% dos asistentes pertencen a institucións estranxeiras provenientes de Grecia, Portugal, Finlandia, Italia, Francia, Alemaña, Reino Unido, Suecia, Bélxica, Suíza, Austria, México, Xapón, Australia e Estados Unidos, mentres que o restante 60% son economistas e expertos de universidades e entidades nacionais.

No acto de apertura celebrado este xoves no Auditorio Mar de Vigo, a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, deu a benvida aos asistentes xunto co alcalde de Vigo, Abel Caballero, a presidenta da Asociación Española de Economía, Olympia Bover e Luisa Fuster, coordinadora do Comité Científico. Tras este acto comezaron as sesións paralelas de traballo así como a conferencia de apertura da man da presidenta da Asociación Española de Economía, Olympia Bover, que afondou nos prezos do sector inmobiliario e a súa previsible evolución no futuro.

Contidos do congreso

Este simposio, dun xeito xeral, céntrase na economía e aborda todos os campos e temas actuais de investigación, dende economía financeira, macroeconomía, mercado de traballo, organización industrial, política fiscal, crecemento e desenvolvemento económico ou política monetaria ata discriminación de xénero, economía da educación, educación da saúde, economía familiar, etc. Con todo, a actual crise económica está a ser un dos eixos centrais do congreso. Como explica Jaime Alonso “é un dos temas estrela da investigación na fronteira da economía” e abordaranse as causas, as consecuencias e as recomendacións de posibles solucións. Deste xeito presentaranse traballos sobre o funcionamento do sistema financeiros e bancario, sobre o mercado de traballo ou sobre a política fiscal e monetaria. Un dos expertos que abordará este tema será o profesor da universidade de Minnesota, Timithy Kehoe, Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, que afondará como se chegou a esta situación e como se pode saír dela.

O congreso desenvolverase arredor de oito bloques con dez sesións paralelas cada un nas que os investigadores presentan os seus traballos máis recentes, que se complementarán coas sesións de plenarias dos expertos de renome internacional como o propio Kehoe ou Mia Güel, da University of Edimburgh e Stefania Albanesi, da Federal Reserve Bank of New York, esta última especialista en en temas económicos relacionados co xénero, un eido que terá especial tratamento ao longo do congreso.

Marcado de traballo

Ao abeiro deste congreso celebrarase un mercado de traballo no que participarán 127 estudantes de doutoramento ou novos doutores xunto con 15 institucións entres as que se atopan varias universidades españolas ademais do Banco de España, as universidades de Exeter, Goethe ou Viena. A idea é facilitar “entrevistas entre institucións contratantes e investigadores novos que acceden por primeira vez ao mercado laboral”, como apunta o profesor Alonso.