DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta fin de semana Villafranca acolle un Curso de Extensión que afonda na riqueza do lugar

Vigo e León unen esforzos na conservación do patrimonio natural da comarca do Bierzo

Os reitores Salustiano Mato e José Ángel Hermida inauguraron o curso acompañados pola alcaldesa de V

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 01/07/2011
A arqueoloxía, a flora e a vexetación do Bierzo, os recursos xeolóxicos, o souto e os casos recollidos na comarca de especies exóticas invasoras son algún dos temas nos que afondarán esta fin de semana os arredor de medio cento de participantes do curso Patrimonio natural del Bierzo: conservar el pasado para construír el futuro, unha iniciativa impulsada polas universidades de Vigo e León e que inauguraron este mediodía os reitores de ambas institucións, Salustiano Mato e José Ángel Hermida, xunto á alcaldesa vilafranquina, Concepción López.

Esta iniciativa xurde co obxectivo de consolidar a recuperación do Museo de Ciencias Naturales y Etnográfico de los Padres Paúles de Villafranca del Bierzo, cuxa apertura ao público foi posible grazas a un convenio asinado o pasado mes de novembro entre a Universidade de Vigo, encargada do asesoramento científico e técnico para o desenvolvemento, posta en valor e xestión do museo; a Asociación Cultural BurVal, garante do museo; o concello de Villafranca del Bierzo e os Padres Paúles, donos da colección. “A intención é que sexa un curso que, en colaboración coa Universidad de León se celebre en anos vindeiros”, explicou a profesora Josefina Garrido, codirectora do curso xunto ao profesor da Universidade de León, Luis Felipe Valladares. “Este ano está impartido por docentes das universidades de Vigo, Santiago, A Coruña e de León e a nosa intención é seguir nesta liña de participación de docentes de distintas disciplinas e de diferentes ámbitos universitarios”, engadiu.

Ollada múltiple á biodiversidade do Bierzo

O curso pretende expor os diferentes aspectos da biodiversidade do Bierzo, realizar unha análise e interpretación da paisaxe propia deste lugar, así como explicar algunhas repercusións que as alteracións medio ambientais provocadas polo home poden producir na natureza, e o que pode provocar a progresiva perda de biodiversidade no espazo natural berciano.

Con eixe central en Villafranca del Bierzo, o curso inclúe visitas ás Médulas e ao museo. Precisamente aproveitando a inauguración do curso, presentouse o vídeo Visita guiada ao Museo das Ciencias Naturais e etnográfico do PP. Paúles, onde se fai especial fincapé na colección científica do museo. “Unha colección moi importante, tanto polo número de exemplares que a compoñen como pola súa diversidade bioxeográfica e a súa antiguedade, xa que os seus primeiros exemplares se remontan a finais do século XIX, sendo constituído o museo entre os anos 1894 e 1899”, explicou a profesora Garrido. Dotado de dúas grandes coleccións, unha de conchas e outra de aves, o museo dispón de exemplares de diversos mamíferos, réptiles e peixes, así como numerosos invertebrados e unha variada colección de “madeiras”.

Tras a proxección do vídeo, a xornada da tarde abriuse cunha charla do profesor da Universidad de León, Carlos Fernández, sobre o material arqueolóxico do museo, para dar paso despois á intervención do profesor vigués, José María Sánchez, que centrou o seu relatorio nas plantas e vexetación desta zona.

Mañá sábado o programa será denso e incluirá aspectos que van da minería, ás especies exóticas invasoras, os carnívoros de montaña e a recuperación dos soutos para rematar o domingo co Proxecto Life Margal Ulla, sobre o mexillón de río, o cambio climático e unha excursión ás Médulas.

Participantes

No curso hai matriculados 52 participantes, 20 estudantes de diferentes titulacións da Universidade de Vigo, sobre todo de Bioloxía e Enxeñaría Agrícola, e tamén da Universidade de León, tanto do campus de León como do de Ponferrada. “Ademais, hai moita xente do Bierzo que participa no curso por afección”, subliña a directora do curso, ao tempo que explica que tamén hai participantes da Asociación Cultural BurVal.