DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un estudo analiza as 300 institucións europeas con maior prestixio investigador en Economía

Vigo lidera en España a investigación económica feita por mulleres e sitúase entre as 20 primeiras de Europa

Cifra nun 48% a porcentaxe de mulleres investigadoras, moi por encima doutras prestixiosas entidades

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Investigación
D. Besadío DUVI 05/06/2019

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo lidera en España, xunto a súa homóloga do País Vasco, a investigación económica feita por mulleres. Así se establece no traballo Women in European Economics, un estudo realizado pola Asociación Europea de Economía sobre a presenza feminina  nos máis prestixiosos centros europeos de investigación neste ámbito, e no que se establece nun 48% a porcentaxe de mulleres investigadoras neste centro vigués, unha cifra moi superior á que se alcanza nos centros máis prestixiosos, incluíndo a London School of Economics (24%), o Departamento de Economía da Oxford University (31%), a Paris School of Economics (30%) ou a Faculty of Economics da University of Cambridge (21%), por citar só algúns exemplos.

O estudo toma como dada unha selección das 300 mellores institucións europeas que realizan investigación en economía e empresa segundo o ranking elaborado por RePEc, unha clasificación de renome na profesión e que se elabora a partir das publicacións das e dos investigadores asociados a cada unha das institucións. En total recollen información de máis de 3500 institucións en Europa (3567) das cales Women in European Economics selecciona as 300 primeiras segundo a súa calidade investigadora, situando á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo no posto 232 e entre as 20 primeiras de Europa pola elevada presenza de mulleres no seu cadro de persoal académico.

Resultado “moi loable”, tanto por méritos como por equidade

A Facultade de Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo compórtase moito mellor que a inmensa maioría de centros que aparecen no ranking, “o cal é moi loable”, explica a catedrática do Departamento de Economía Aplicada Coral del Río, membro do grupo de investigación Economía, Sociedade e Territorio (Ecosot) e do consello editorial da revista Feminist Economics, quen fai fincapé en que situarse entre as dúas primeiras institucións das 17 españolas analizadas e entre as 20 primeiras de Europa, non se consegue por casualidade. A que se debe entón? Desde o seu punto de vista, “cando se creou a UVigo e a propia Facultade de CC Económicas e Empresariais, nalgúns departamentos como o meu levouse a cabo unha política moi aberta de formación e de contratación de novos e novas economistas. Creo que as contratacións realizadas foron bastante equilibradas por sexo, o cal é mérito das persoas que naquel momento asumiron responsabilidades neste terreo”, explica Del Río, quen recalca o feito de que isto mellorou o nivel do centro e fíxoo, ademais, equilibradamente, o que explica que hoxe apareza nese estudo por méritos académicos e que, ademais, o faga dunha maneira tan positiva tamén en termos de equidade.

Menos mulleres nos centros máis prestixiosos 

O obxectivo do traballo Women in European Economics foi, en primeiro lugar, cuantificar o peso das mulleres economistas nos principais centros de investigación en Europa pero tamén, analizar se hai indicios de que hai menos mulleres nos centros máis prestixiosos e nos postos máis altos. “O que comprobaron é que, efectivamente, o peso das mulleres nestes centros é considerablemente menor que o dos homes, que hai diferencias importantes por países e, tamén, que as mulleres teñen menor presencia nos mellores centros e nos postos máis altos, cátedra ou equivalente”, apunta Del Río.

En relación ás razóns que poderían explicar estas diferencias, a catedrática viguesa sinala que cos datos dispoñibles no estudo o único que se pode verificar é que non se trata dun ‘efecto cohorte’, xa que a variedade de idades non explica estas diferenzas. A partires de aí os autores mencionan diferentes razóns que poderían explicar todo isto, como son a discriminación, os problemas de conciliación, os trazos de xénero na avaliación e as cartas de recomendación, as políticas de contratación ou a menor confianza das mulleres á hora de mandar currículos ás mellores institucións.

Segundo a catedrática viguesa, estes factores afectan a todo tipo de institucións, pero é probable que, polo menos algúns deles, teñan un maior impacto en centros onde a competencia, o prestixio e os recursos económicos son maiores. “Canto máis elevados son os salarios que ofrece unha institución, máis difícil lles resulta ás mulleres acceder a eses postos de traballo. En institucións onde os salarios son menores e en países onde a actividade científica goza de menos prestixio, as mulleres enfróntanse a menores obstáculos”, recalca Del Río, quen fai fincapé en que "a existencia de ambientes tóxicos dentro da profesión teñen sido recentemente documentados, reflectindo unha cultura de certa hostilidade contra as mulleres economistas que é probable que se poña de manifesto en maior medida en condicións de maior competencia”, enfatiza a docente, quen tamén salienta que algo parecido acontece no caso dos premios de prestixio, xa que ata a actualidade, por exemplo, só unha muller foi galardoada co Premio Nobel de Economía (e foi compartido): Elinor Ostrom, en 2009.

Diferenzas importantes por países

Analizando os datos, o estudo reflicte tamén importantes diferenzas por países. Por exemplo, en Holanda só unha das 15 institucións analizadas (un 7%) ten máis dun 40% de mulleres, e trátase, realmente, dunha institución internacional radicada en Holanda (o United Nations University- Maastricht Economic Research Institute of Innovation and Technology, UNU- MERIT, das Nacións Unidas, cun 41% de mulleres). No caso de Suíza empeora aínda máis estas cifras: ningunha das 14 institucións para as que se ofrecen datos desagregados por sexo alcanza un 40% de presenza de mulleres no seu cadro de investigadores/as (o máximo sitúase no 33%). En Alemaña a porcentaxe de institucións con máis do 40% de mulleres é tamén moi baixo, o 10% (4 de 42 institucións). Estas cifras alcanzan o 17% no Reino Unido (10 de 59 institucións), o 24% en España (4 de 17 institucións) e o 26% en Francia (9 de 34 institucións), por poñer outros exemplos.

“Ningún dos dez centros europeos con maior prestixio alcanza o 33% de mulleres”
“Na miña opinión non hai razóns puramente académicas que xustifiquen a enorme infrarepresentación das mulleres nestas entidades: que ningún dos dez centros europeos con maior prestixio/recursos na profesión alcance o 33% de mulleres deberíanos facer reflexionar”, salienta a catedrática viguesa, quen recalca o feito de que “non é normal que o Banco Central Europeo só teña un 17% de mulleres, ou que no Institute for the Study of Labor (IZA) e o Centre for Economic Policy Research ( CEPR) as mulleres só alcancen o 21%”.