DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os estudantes amósanse satisfeitos coa titulación elixida e botan en falta máis aulas multimedia

Vigo marca a pauta a nivel nacional coa publicación dunha obra sobre a satisfacción do alumnado coa universidade

Dirixida por Luis Espada, presidente do Tribunal de Garantías, e editada polo Consello Social

Etiquetas
  • Vigo
D. Besadío DUVI 03/11/2009
O estudante da Universidade de Vigo está satisfeito coa titulación que cursa e con ter escollido para facelo esta institución. Pola contra, bota en falla máis salas de informática de libre acceso e un maior grao de coordinación entre o profesorado das distintas materias. Así se pon de manifesto na obra Estudo do grao de satisfacción do alumnado coa universidade. Aplicación á Universidade de Vigo, un volume pioneiro na universidade española que, impulsado polo Tribunal de Garantías e editado polo Consello Social, recolle os resultados de máis de mil entrevistas persoais realizadas durante o pasado mes de maio a estudantes de 1º e 2º ciclo de centros propios da Universidade.
“Trátase dun traballo que pode servirlle á Universidade para constatar as súas fortalezas e debilidades”, explicou na presentación o presidente do Tribunal de Garantías, Luis Espada, director do volume, ao tempo que insistiu en que “este informe poderá utilizarse para ratificar ou rectificar as directrices que marcan as liñas de actuación da institución”.

Valoran os servizos web e botan en falta máis salas de internet

Entre as tendencias observadas destaca tamén polo seu elevado nivel de satisfacción os servizos de cafetaría e comedor, a confortabilidade das bibliotecas, os coñecementos teóricos específicos propios da carreira, o número de alumnos por clase, así como os servizos web da Universidade, especialmente no que se refire á calidade da “secretaría virtual”.
No outro extremo da balanza, aqueles aspectos nos que consideran que aínda queda moito por mellorar, os estudantes fan tamén fincapé no feito de que en moitos casos hai escasa coherencia entre o número de créditos recoñecidos a cada materia e a extensión do temario e a carga de traballo esixida. Ao tempo botan tamén en falta máis salas de acceso a internet, así como lugares polivalentes nos que poidan reunirse para realizar traballos en grupo. Doutra banda, a eficacia nos medios de avaliación (exames, traballos...); a distribución de horarios de clases, exames e titorías e a falla de información sobre as diferentes axudas económicas e bolsas completan o listado de ítems nos que os estudantes se senten máis insatisfeitos.

As opinións repítense tanto nos diferentes ámbitos como nos campus

Se analizamos os resultados por ámbitos académicos non hai grandes diferenzas entre uns e outros e, “en xeral, as opinións son as mesmas, independentemente de que cursen unha carreira humanística ou tecnolóxica, por citar dous exemplos”, indica Espada. No primeiro posto sempre se sitúa a elevada satisfacción na escolla da titulación e da Universidade e logo hai pequenos matices entre os diferentes ámbitos. No eido humanístico e no xurídico social, os estudantes danlle unha gran importancia e valoran moi positivamente todo o relacionado coas bibliotecas (postos de lectura, amplitude horaria, confortabilidade...), mentres que nas ciencias experimentais e da saúde destacan o feito de que non haxa moitos alumnos por clase. A calidade da “secretaría virtual” e os servizos aos que poden optar dende a web, son algún dos aspectos no que máis se fixan os alumnos e alumnas do ámbito tecnolóxico.
Neste “flash macroscópico global”, tal como se referiu ao estudo Espada, tampouco hai grandes diferenzas entre os campus e os resultados son practicamente idénticos aos establecidos en liñas xerais. De novo nos primeiros postos nos tres campus, a satisfacción global pola titulación e a Universidade escollida.
Outro dos aspectos que se observa é que o grao de satisfacción do alumnado entrevistado co parámetro visión do futuro profesional/laboral diminúe cos anos de permanencia na Universidade, pasando do 90% no caso dos estudantes con un ou dous anos de permanencia ao 71,4% para os alumnos cuxa permanencia supera os oito anos.
“En xeral tanto o profesorado coma os servizos informáticos como a biblioteca e as cafetarías están ben valoradas” indicou Espada, “sen embargo deixan claro que precisan máis salas de internet ou, por exemplo, mellorar a eficacia dos servizos de reprografía”.
Ao longo da presentación, que contou tamén coa presenza do presidente do Consello Social, Emilio Atrio, adiantouse tamén a próxima publicación cara a principios do ano que ven dos resultados dunha enquisa que se está a realizar nestes intres sobre a transición do alumnado dos últimos cursos cara ao mundo laboral.

Método e universo da mostra

A mostra para a realización deste estudo foi estratificada aleatoriamente estando suxeitos, entre outras, ás variables: xénero, tipo de residencia durante o curso académico, titulación, anos de permanencia na Universidade ou compatibilidade de estudo e traballo.
O cuestionario incluíu 88 preguntas divididas en sete temáticas principais: satisfacción sobre o proceso formativo, instalacións e servizos, prácticas en empresas, extensión universitaria, accesibilidade, valoración global da satisfacción e aspectos nos que a Universidade debe ofrecer un servizo excelente.
Máis alá das tendencias xerais observadas ao respecto da súa satisfacción coa Universidade, a mostra pon de releve outras datos de elevado interese como é o feito de que o 55,1% nunca compatibilizou estudos co traballo fronte a un 2,8% que si o fixo a tempo completo ou o feito de que o 30% do alumnado entrevistado trasládase diariamente desde a súa localidade para asistir a clase.