DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os socios do proxecto reúnense esta semana na Ecimat

Vigo participa nun consorcio internacional que analiza o potencial de satélites para monitorizar ambientes costeiros e detectar mareas vermellas

Coa participación de universidades e entidades de Holanda, Escocia, Italia, Francia e Hungría

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • TIC
  • Investigación
DUVI 13/06/2019

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla acolle este semana a xuntanza de traballo do proxecto europeo CoastObs, unha iniciativa que se encadra na convocatoria H2020 da Unión Europea e ten como finalidade avanzar no uso da detección remota por satélite para monitorizar as contornas de augas costeiras. A Universidade de Vigo, a través do grupo de Física Aplicada que dirixe o profesor Jesús Torres, é un do socios do consorcio, que coordina Water Insight, de Holanda, e do que tamén forman parte a Universidade de Stirling (Escocia), CNR (Italia), a Universidade de Ciencias Aplicadas de Holanda, a Universidade de Nantes (Francia) e as empresas Bio-Littoral (Francia) e Geonardo (Hungría).

Para o desenvolvemento do proxecto, que arrancou en 2017, establecéronse catro zonas de estudo: a costa holandesa, a Bretaña francesa, Venecia e Galicia. O obxectivo é avaliar o potencial dos satélites Sentinel para a monitorización de ambientes costeiros e, neste obradoiro de traballo que celebran en Vigo, os parceiros da iniciativa están a facer unha posta en común dos avances realizados durante o último ano. Como explican os investigadores, CoastObs “céntrase no desenvolvemento dunha serie de produtos validados a partir das imaxes de satélite e datos de campo, como o tamaño de fitoplancto, as proliferacións masivas de microalgas tóxicas, a produción primaria, o crecemento do mexillón e as macroalgas que, en combinación con modelos preditivos, permiten afrontar problemas específicos de cada unha das zonas de estudo”, indica Jesús Torres. 

Facer fronte ás mareas vermellas

As mareas vermellas e as proliferacións masivas de algas tóxicas (Harmful algae blooms, HABs) son un fenómeno moi frecuente que ten un forte impacto nas Rías Baixas, tanto dende o punto de vista económico como ecolóxico. Polo risco que supoñen para a saúde das persoas, estes episodios tóxicos forzan a miúdo o peche temporal dos polígonos de bateas para o cultivo de mexillón. 

Para detectar estas proliferacións das microalgas tóxicas véñense empregando sistemas tradicionais de monitorización que se basean na observación directa, é dicir, “na análise dos datos obtidos en mostraxes realizados en puntos previamente establecidos”. Co proxecto CoastObs  trátase de dar un salto substancial neste aspecto xa que, a análise conxunta de imaxes de satélite e de parámetros físicos e biolóxicos mediante técnicas estatísticas e métodos de aprendizaxe automático “pode resultar de utilidade para a detección e predición de HABs e complementar así os programas de monitorización baseados na mostraxe”. 

O fin último é desenvolver unha plataforma que poida ofrecer aos usuarios información que inclúa dende o monitoreo de algas mariñas e macroalgas, clases e tamaño de fitoplancton, produción primaria, algas tóxicas e mesmo produtos de maior nivel como indicadores e integración con modelos preditivos. Ademais, o proxecto ten tamén como obxectivo contribuír á sostenibilidade do programa Copernicus e axudar a implementar e perfeccionar a directiva europea relacionada coa calidade da auga.

O traballo do grupo de Física Aplicada

O traballo da Universidade de Vigo no marco de CoastObs céntrase no desenvolvemento de algoritmos de índice de clorofila para augas complexas do interior das rías, derivados das imaxes dos satélites Sentinel e a utilización de métodos de aprendizaxe automático para a detección e predición de HABs dalgunhas especies tóxicas, como Pseudo-nitzschia spp. ou Gymnodinium catenatuml. O grupo de Física Aplicada, dirixido por Jesús Torres, desenvolve esta metodoloxía do proxecto, baseada en estudos previos empregando imaxes MERIS desenvolvidas por este equipo de traballo da Universidade de Vigo no programa de Envisat da Axencia Europea do Espazo.

No marco do proxecto, as e os investigadores da Universidade de Vigo contan tamén coa colaboración do Consello Regulador do Mexillón de Galicia e a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) como usuarios finais dos produtos validados mediante campañas de mostraxe que se desenvolven en CoastObs.