DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reunión entre os reitores de Vigo e da Universidade Federal de Paraná

Vigo, porta de entrada a Europa dos universitarios brasileiros

Elaborarán unha axenda de traballo para poñer en marcha dobres titulacións e cooperar dentro do Camp

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 17/10/2011

Unha está a piques de cumprir o seu centenario e outra apenas supera as dúas décadas, pero as dúas universidades teñen un interese común: estreitar lazos pensando na súa internacionalización. A Universidade de Vigo e a Universidade Federal de Paraná, situada na rexión brasileira de Curitiba, acaban de establecer unha axenda de traballo para poñer en marcha dobres titulacións que permitan a mobilidade de alumnado e docentes tanto en graos nos que eles teñen un especial interese, como Turismo ou Dereito, como cos relacionados co Campus do Mar. Unha colaboración que nace froito dos lazos iniciais establecidos entre a universidade brasileira e a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. Considerada unha das institucións máis prestixiosas do país e a universidade pública máis antiga, “é unha entidade puxante do Brasil que nos permitirá ampliar a ponte creada e convertela nunha vía pola que transitar xuntos a través da colaboración”, salientou o reitor vigués, Salustiano Mato.

Con oito campus situados en catro cidades e 33.000 estudantes distribuídos entre 101 carreiras e 90 programas de posgrao, a Universidade Federal de Paraná ve o Campus do Mar como un filón de oportunidades “debido ao importante número de investigacións mariñas que se desenvolven ao estar no litoral”, recordou o reitor brasileiro, Zaki Akel Sobrinho. A Un intento de abrir fronteiras que a institución do Brasil desenvolve apoiada na forte aposta pola educación pública que está a facer o Goberno e no programa ‘Ciencia sen sen fronteiras’, co que quere favorecer a mobilidade de 75.000 estudantes, investigadores e docentes nos vindeiros catro anos.

Tendendo pontes

Dentro dese escenario axeitado, a Universidade de Vigo parte cunha posición privilexiada fronte ao resto de entidades españolas debido “ao noso carácter duplo pola lusofonía”, aínda que debe seguir traballando para conseguir “resultar atractivo como destino para os bolseiros que reciban esas axudas, potenciando a nosa internacionalización. Por iso é importante que Europa tire do carro, para que non todos os estudantes que saian do Brasil vaian a Estados Unidos. Vigo pode ser a porta de entrada e aí o Campus do Mar xoga un papel moi importante que imos intensificar”, ratificou Mato durante a reunión mantida co seu homólogo brasileiro. A vindeira cita será xa no mes de febreiro para asinar os distintos convenios de colaboración entre as dúas institucións, que prevé afondar tamén na interrelación entre grupos de investigación de todas as áreas do coñecemento.

Cen anos de historia

En pleno proceso de construción de novas instalacións, como un parque tecnolóxico ou un viveiro de empresas, a Universidade Federal de Paraná está considerada como un dos 10 mellores centros públicos tanto pola cantidade de alumnos como pola súa produción científica. Comprometida coa sociedade a través dunha ensinanza de alta calidade e proxectos de formación orientados á poboación, esta institución mantén unha política de educación inclusiva con programas socioculturais, científicos e tecnolóxicos. En decembro de 2012 cumprirá os 100 anos de vida.