DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“Seremos un candidato duro para 2015”, afirma Alberto Gago

Vigo presentará a súa candidatura á Universiada do 2015 despois que a FISU designase a Kazán sede da olimpíada universitaria do 2013

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 31/05/2008

Vigo terá que agardar a 2015 para acoller a Universiada despois que a Federación Internacional de Deporte Universitario elixise á cidade rusa de Kazán para organizar a olimpíada universitaria de 2013.
Eran as 20.15 horas cando o presidente de Federación Internacional de Deporte Universitario, George Killian, daba a coñecer, nunha cerimonia celebrada en Bruxelas, o nome da cidade elixida para acoller a Universiada do 2013. Tras agradecer o esforzo das tres candidaturas que concorrían á organización da olimpíada universitaria, nas que afirmou “teño moitos amigos”, Killian abriu o sobre que contiña o nome da cidade elixida. Kazán que volvía presentar a súa candidatura por segunda vez, lograba desta volta a organización da Universiada do 2013, impoñéndose ás outras dúas cidades candidatas Kwang Ju e Vigo.
Remataban así para a delegación viguesa nove meses de intenso traballo nos que tomou forma unha candidatura na que se comprometía unha ampla rede de infraestruturas deportivas e de comunicación, así como bolsas para os deportistas participantes, un plan de seguridade, medidas fiscais para incentivar o patrocinio de empresas e institucións e un firme compromiso co medio ambiente.

Decepción é ánimo

Con evidente decepción acolleu a delegación viguesa desprazada a Bruxelas a resolución da FISU, aínda que os seus integrantes xa deixaron clara a súa intención de optar á celebración da Universiada do 2015.
O tenente de alcalde e promotor da candidatura, Santiago Domínguez Olveira, defendeu o traballo “serio e contundente” que se fixo, ao tempo que recoñeceu que “faltou un pouco de tempo para lograr máis contactos”. Domínguez Olveira anunciou que en poucas semanas comezará a traballarse pensando na candidatura de 2015 e que se mellorarán algúns aspectos como “a promoción fóra das nosas fronteiras”.
Mentres o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago mostrouse optimista a pesar da resolución da FISU. “Queriamos facernos un sitio aquí e queda claro que o noso proxecto foi moi ben valorado”. Gago que asegurou que “seremos un candidato duro para 2015”, considera que “faltounos tempo para facer máis contactos, para depurar o proxecto sobre todo no apartado das infraestruturas”.
Abel Caballero lamentou que a candidatura de Vigo non fose a elixida, aínda que asegurou que “o noso proxecto tiña un nivel altísimo e o pavillón quedou en magnífico lugar”. O alcalde de Vigo felicitou á delegación de Kazán ao tempo que lembrou que “tiñan moitos anos de recorrido” e sentenciou que “aínda que non puido ser esta vez, estamos en disposición de optar aos eventos máis grandes do mundo”.

Intensas xornadas en Bruxelas

Coa resolución desta tarde ponse fin a estadía da delegación viguesa en Bruxelas onde chegaron o pasado venres. Trala presentación o propio venres do stand que acollía os proxectos previstos para a celebración da Universiada, este sábado pola mañá tiña lugar a defensa oficial da candidatura ante os membros da FISU.
600.000 euros en axudas para que 400 deportistas dos páises menos desenvolvimos podan viaxar a Vigo e aloxarse gratuitamente na vila olímpica durante unha semana e 500 bolsas de posgrao para financiar a viaxe, estancia e matrícula de participantes na Universiada que queran estudar en calquera dos tres campus da Universidade de Vigo, foron dúas das propostas formuladas pola delegación viguesa na presentación da súa candidatura realizada esta mañá.
A estes anuncios realizados por Roberto Álvarez, director da candidatura viguesa e por Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo, engadíronse os do secretario do Estado para o Deporte, Jaime Lissavetzky que avanzou o compromiso do Misterio de Interior para impulsar un Plan de Seguridade e a adopción de medidas fiscais coa finalidade de facilitar o patrocinio de empresas e institucións para a celebración da Universiada.
Pola súa banda o director xeral de Turismo, Ruben Lois e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, foron os encargados de confirmar por unha banda unha dotación de 14000 prazas hoteleras en Vigo e a súa área para 2013, así como infraestruturas de transporte como o tren de alta velocidade que chegará á cidade, segundo confirmou Caballero en 2012 a 350 kilómetros por hora.