DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha fin de semana na que tamén se celebraron os campionatos de vela e orientación

Vigo proclámase Campión de España Universitario de Taekwondo por 3º ano consecutivo

Os deportistas universitarios obtiveron dous ouros, catro pratas e catro bronces

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 12/05/2008

Máis de 430 deportistas das modalidades de taekwondo, vela e orientación déronse cita esta fin de semana na disputa dos Campionatos de España Universitarios organizados pola Universidade de Vigo. O taekwondo foi a disciplina que reportou maiores alegrías aos anfitrións ao proclamarse o equipo vigués Campión de España Universitario por terceiro ano consecutivo. As instalación do campus de Vigo acolleron a desputa da probas que remataron con dous ouros, catro pratas e catro bronces para o Universidade de Vigo, que lle permitiron revalidar o seu título, por diante da UNED e da Universidade de Valencia, unha das favoritas e rival directo dos vigueses.
Os mellores resultados do equipo universitario viñeron da man de Bruno García na modalidade gallo masculino e Fernando Rascado, en superlixeiro masculino, que obtiveron as dúas medallas de ouro. Pero os deportistas vigueses ofreceron tamén unha moi boa actuación nas modalidades de pluma feminina, lixeiro masculino, superlixeiro feminino e gallo feminino, nas que se acadaron as catro pratas e en mosca feminina, pluma masculina e medio masculino e feminino, nas que se fixeron cos bronces.
En total, tomaron parte nestes Campionatos de España Universitarios de Taekwondo 14 deportistas da Universidade de Vigo, dun total de 207 de 51 universidades.

A Universidade Católica de Murcia, campioa no CEU de Vela

O equipo da Universidade de Vigo de Vela non obtivo resultados tan positivos como o combinado de taekwondo. O grupo vigués, composto por María Grobas, Jorge Ríos, Clara Giraldo e Valentín Martín non foron quen de facerlle fronte ás universidades Católica de Murcia, Politécnica de Madrid e Cantabria, as tres primeiras clasificadas respectivamente. Nesta competición, que se desenvolveu no Porto Deportivo de Punta Lagoa, participaron 81 regatistas de 20 universidades que competiron na xornada do sábado nas series clasificatorias marcadas pola ausencia de vento. O domingo tiveron lugar as finais que se desenvolveron segundo o previsto aínda que coa presenza de rachas de vento intermitentes que variaban a orientación a atrasaron o comezo das probas.

A Universidade de Alicante imponse nos campionatos de orientación

O Lago Castiñeiras, no Parque Natural de Cotorredondo, e o casco vello de Pontevedra foron ao longo desta fin de semana os escenarios do Campionato de España Universitario de Orientación do que, tras dúas intensas xornadas de carreiras, proclamouse gañadora a Universidade de Alicante. Esther Gil, actual campioa de España absoluta e número 20 do mundo, revalidou o seu primeiro posto nas tres modalidades femininas da competición e, na categoría masculina, Vaclav Komener, corredor da Universidade de Valencia e membro da selección checa, obtivo o ouro nas probas de distancia media e longa. Ambos deportistas amosaron a súa satisfacción polo gran nivel técnico do percorrido e pola calidade dos puntos técnicos, ademais da beleza dos lugares onde se disputaron as probas.
Pola súa banda, desde a organización destacouse o digno papel realizado polos corredores da Universidade de Vigo, dos cales Gonzalo Fernández acadou o posto 16 na competición e Alberto Asensio, o 24, un gran resultado dado o alto nivel dos participantes da proba.
Este Campionato de España Universitario de Orientación é unha das probas clasificatorias para escoller aos equipos que representarán a España no campionato a nivel mundial desta disciplina, que se celebrará en Tartú (Estonia) do 29 de xullo ao 2 de agosto. Deste xeito e a raíz dos resultados obtidos, os equipos de Esther Gil e Ona Rafols (Alicante e Barcelona), na categoría feminina, e de Biel Rafols e Dani Portal (Barcelona e Estremadura), na masculina, representarán a España este verán.

O equipo de xadrez cae na final a catro da Liga Galega de División de Honra

Fronte ao Marcote A, o equipo máis poderoso da Liga Galega de División de Honra, o Universidade de Vigo de xadrez foi quen de plantar cara na Final a Catro da competición, aínda que o vigueses finalmente non se fixeron coa vitoria. Ante un público entregado que os animou ata o final se sen a achega de Manuel Pena que se atopaba disputando o Campionato de España Universitario, o Universidade mediuse a un Marcote A que presentou un equipo que podería disputar calquera final nacional europea.
A final rematou cun 2-4 que non é representativo do xogo desenvolto polos vigueses, que contaron cunha vantaxe decisiva en moitos taboleiros que remataron perdendo ante un rival duro con Grandes Mestres Internacional nas súas filas pero ao que puxeron en apuros.