DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os voluntarios da asociación ESN exercen de anfitrións dos alumnos e alumnas de programas de interca

Vigo recibe con apertas aos seus novos estudantes estranxeiros

Ao longo do curso organizan tándems de conversa, excursións, actividades culturais e lúdicas

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 05/09/2013
Algúns e algunhas chegaron a Vigo hai máis dunha semana e outros aínda están por aterrar. Por diante quédalles un curso nunha universidade que non é a súa pero que os acolle cos brazos abertos. Disto ocúpanse, ademais da Oficina de Relacións Internacionais, tamén os alumnos locais, que dende a asociación ESN Vigo (Erasmus Student Network) levan varios anos organizando actividades lúdicas e culturais para facilitar e mellorar a integración dos estudantes estranxeiros de intercambio na Universidade de Vigo. Dende hai varias semanas teñen xa en marcha os xa tradicionais Chat&Beer, tándems de conversa para axudar a que os estudantes se coñezan entre eles e tamén para fomentar a práctica de idiomas dun xeito distendido mentres se toman unha cervexa. Ademais neste comezo de curso xa desenvolveron as primeiras excursións, entre elas ás illas Cíes e as primeiras festas de benvida para os primeiros alumnos e alumnas en chegar a Galicia. Este mércores, visibilizando tamén a presenza de estudantes estranxeiros na cidade, tivo lugar unha actividade na rúa do Príncipe ofrecendo ‘apertas de balde’ aos que serán os seus veciños durante parte deste curso e espertando bastante expectación na zona. Para esta fin de semana teñen tamén previsto un pic-nic na praia de Samil así como unha saída á Feira Franca que se celebra en Pontevedra.

Ampliando horizontes

Presente en 36 países, o obxectivo prioritario de ESN é traballar na mellora da integración dos estudantes estranxeiros, representando as súas necesidades a nivel tanto local como nacional e internacional, poñendo en valor o voluntariado e a participación cidadá para logralo. Deste xeito, a ESN ofrece apoio e axuda aos estudantes, facilitando a súa estadía no estranxeiro, tanto a nivel social como académico. En Vigo ESN comezou a traballar en 2009 e neste tempo foise consolidando non só entre os estudantes de intercambio, senón tamén entre os propios que non teñen a posibilidade dunha bolsa de mobilidade, xa que lles ofrece unha experiencia ‘internacional’ para coñecer idiomas e culturas, sen moverse da cidade.

Dende a posta en marcha da asociación en 1990, ofreceu a súa axuda a 150.000 estudantes e conta nunha taxe de crecemento constante, en número de actividades, de voluntarios e de países e universidade nos que ten presenza.