DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Bibiana M. Rodiño, gañadora do 2º Premio Bancaja Xoves Emprendedores co proxecto BETA

Vigo sae á conquista do mercado de próteses veterinarias a medida

O xurado tamén decidiu outorgar un accésit a dúas das 11 iniciativas empresariais presentadas esta e

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 16/02/2012

En tempos de crise o emprendemento non é unha loucura, senón “unha opción a ter moi en conta”. Con esta filosofía é coa que Bibiana M. Rodiño decidiu “lanzarse” ao mundo empresarial para ocupar un nicho de mercado pouco explotado en Galicia: o das próteses a medida para animais. En colaboración co Instituto Tecnolóxico Metalmecánico de Valencia (AIMME), encargado da fabricación das pezas principalmente en titanio a través dun sistema 3D, esta enxeñeira industrial axuda a resolver os problemas que as clínicas poden atopar “con algúns animais porque sexan moi pequenos, teñan moita actividade... O veterinario ponse en contacto comigo cando lle xorde unha complicación que non pode solucionar coas placas comerciais de osteosíntese e eu llo soluciono”. BETA (Biomechanical Engineering & Technical Assistance) foi unha idea xurdida da súa tese de doutoramento que a levou a ser a súa propia xefa e a gañar o 2º Premio Bancaja de Xoves Emprendedores que outorga a Universidade de Vigo como recoñecemento aos proxectos empresariais máis innovadores. “Na miña iniciativa mestúranse picos de ilusión e de conxuntura. E o premio que recollín hoxe é unha oportunidade”, recalcou Rodiño, que leva un ano dirixindo a súa propia empresa. Os irmáns Florentino e Plácido José Míguez Durán gañaron un accésit pola creación dunha empresa que fabrique vehículos eléctricos de uso profesional e Rafael Sousa outro por unha plataforma on line de compra-venda de recambios de coches.

O galardón, creado ao abeiro da Cátedra Bancaja de Xoves Emprendedores, trata de “recoñecer, impulsar e difundir no ámbito universitario os valores e principios propios da cultura emprendedora”, como salientou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato. Este ano concorreron ao premio 11 iniciativas de todos os ámbitos, “dende o eido das enxeñarías ou do xurídico-social ata o das humanidades, que a priori pode dar a sensación de que non ten cabida nesta convocatoria”, explicou Ana Gueimonde, coordinadora da Cátedra Bancaja á que o reitor quixo agradecer “a paixón e o alento que lle pon a todas estas iniciativas”.

Case unha ducia de plans de empresa definidos que dan unha idea do xermolo no que se está a converter a Universidade de Vigo, seo onde agromaron máis dun cento de negocios nos últimos cinco anos a través de distintas iniciativas. “A Cátedra Bancaja axúdanos a desenvolver a cultura emprendedora, algo que dentro da nosa Área de Emprego é un elemento fundamental para facer futuro”, asegurou o reitor, que recalcou que agora o traballo debe centrarse en “acompañar aos emprendedores que saen de aquí para servirlles de vehículo, xa que unir a súa imaxe corporativa á nosa pode abrirlles moitas portas”.

Calidade dos proxectos

Nesta segunda edición o xurado decidiu outorgar, ademais do premio principal, dous accésit a dúas das iniciativas presentadas pola súa calidade e potencialidade. O primeiro foi para os irmáns Florentino e Plácido José Míguez Durán pola empresa destinada a deseñar e fabricar vehículos eléctricos para aplicacións profesionais específicas. Xa en funcionamento, o premio supón “un incentivo porque alguén recoñece o teu traballo”, como destacaron estes enxeñeiros industriais. Aínda que é unha idea que viñan xestando dende hai tempo e a crise só é “unha circunstancia calquera” que afrontar, os irmáns agradecen “á Universidade que teña estas iniciativas de apoio e respaldo aos emprendedores”.

A outra idea recoñecida foi a do enxeñeiro informático Rafael Sousa, que presentou a concurso o seu proxecto de fin de carreira: pór en marcha unha plataforma on line de compra-venda de recambios para coches procedentes de despezamentos. “A xente acude cada vez máis a eles para buscar determinadas pezas porque é moito máis barato, pero non sempre as hai, así que pensei en facer unha aplicación para poder buscar por internet non só o recambio, senón tamén o lugar concreto no que o venden”, salientou Sousa, para quen este premio supón un “estímulo” de cara a darlle a forma definitiva ao proxecto.