DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No IV Encontro Galego de Programas Universitarios para Persoas Maiores

Vigo será o 8 de maio punto de encontro dos estudantes sénior de toda Galicia

Organizado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa da Universidade en colaboración co

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Sara Alcázar DUVI 08/04/2010

A realización de estudos universitarios non é cuestión de idade e así o amosan os centos de estudantes maiores de 50 anos que cada día acoden á clase nalgúns dos sete campus galegos. Para reunilos e que teñan ocasión de intercambiar experiencias o vindeiro día 8 de maio vaise celebrar en Vigo oIV Encontro Galego de Programas Universitarios para Persoas Maiores, no que se darán cita docentes e estudantes de toda Galicia. A Universidade de Vigo será a encargada de acoller esta xuntanza que está a organizar a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade da Coruña.
Durante o acto de presentación do encontro, que tivo lugar este xoves na EU de Estudos Empresariais, o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, salientou o “alto grao de satisfacción” co que contan estes programas nas tres universidades, facendo fincapé na entrega do alumnado, posto que “moitos deles retoman os estudos ou inícianos dende cero sempre de forma voluntaria e, unha vez que rematan, non queren deixalo”.
Na mesma liña se pronunciaron José Fariña, director do Programa para Maiores no campus de Vigo, e Patricio Sánchez, director da EU de Estudos Empresariais, que ademais definiron o encontro coma un proxecto co que “facer Universidade” e no que aprender non é o único importante, senón tamén o establecemento de relacións entre compañeiros que comparten as mesmas vivencias, ademais das interxeracionais. Segundo manifestou Membiela, “fomentar esas relacións é o obxectivo principal deste encontro, que empregaremos para vernos e intercambiar coñecementos e experiencias de tipo científico e cultural co resto de universidades”

Gran demanda dos Programas para Maiores

Este curso nas aulas da Universidade de Vigo matriculáronse no programa de maiores preto de 150 persoas, unha cifra de participación moi similar á que se rexistrou tanto en Santiago como na Coruña. O interese e o afán de coñecemento son os únicos alicientes para retomar os estudos, como é o caso de Pepe Cebro, alumno do Programa de Maiores da Universidade de Vigo. Con 60 anos, aproveitou este tramo da súa vida para aprender máis cousas novas e sobre todo, “por manter unha relación social e non quedarme metido na casa” apuntou Cebro. Esta é a principal razón de que o estudante sénior valore positivamente a súa experiencia na Universidade, salientando que “estou moi satisfeito cos compañeiros e compañeiras de clase, os profesores e a Universidade en xeral, incluso me elixiron delegado de primeiro curso”.
Ademais, Cebro será un dos alumnos da Universidade que participe no IV Encontro Galego de Programas Universitarios para Persoas Maiores, no que, segundo indicou o estudante, “espero compartir vivencias de traballo e coñecer as inquietudes da xente dos outros campus”.

Programa do encontro

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acollerá o IV Encontro Galego de Programas Universitarios para Persoas Maiores, no que profesores e estudantes das tres universidades galegas intercambiarán as súas experiencias e investigacións mediante actividades culturais e comunicacións. O encontro contará coa intervención do catedrático de Geografía Física da USC, Augusto Pérez Alberti, que impartirá un relatorio sobre a demografía de Galicia. Así mesmo, ofrecerease unha conferencia sobre a avaliación do Programa de Maiores na Universidade, un traballo levado a cabo pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa no que se pon de manifesto a opinión “sempre positiva” do estudantado do programa, segundo comentou Membiela. Ademais, os docentes e estudantes asistentes participarán activamente expoñendo diversas comunicacións, entre as que cabe destacar a conferencia titulada Vigo no segundo bicentenario como cidade. Durante o acto celebrarase tamén unha comida de confraternidade “para fomentar as relacións entre os mebros das tres universidades participantes nos Programas para Maiores” indicou Membiela. Para rematar a xornada, o Teatro Lido ofrecerá unha representación que conta coa participación estudantes do programa integrantes da compañía Xúbilo Teatro e a continuación terá lugar a actuación do cuarteto Aurum, tras o que terá lugar o acto de clausura do encontro.