DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nesta cidade editouse Cantares Gallegos, o libro fundacional da literatura galega

Vigo será o epicentro do Ano Rosalía

Universidade, RAG e a Fundación Rosalía de Castro están a organizar un intenso programa de actividad

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 01/02/2013
Este ano debe soar a Alborada de Rosalía por todo o país. Este é o espírito co que a Universidade de Vigo, a Real Academia Galega e a Fundación Rosalía de Castro están a organizar un intenso programas de actividades co que conmemorar durante todo o 2013 o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos en Vigo, dándolle a esta cidade un papel protagonista dentro das actividades como capital do proxecto do Rexurdimento e da industria editorial galega.

“Son 150 anos do nacemento dun proxecto que intenta devolverlle á lingua galega e a Galicia a súa dignidade como cultura e como nación”, subliña Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro, ao tempo que explica que “se hai unha data que lle pór ao nacemento dese proxecto esa é a de 1863, se hai que pórlle un feito ese é o da publicación de Cantares, se hai que pórlle un lugar ese é Vigo e se hai que pórlle un rostro ou un nome ao proxecto ese é Rosalía de Castro”. Na mesma liña pronúnciase tamén o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, que subliña que esta será unha data fundamental para lembrar que a identidade galega actual parte da recuperación que fixeron os autores do XIX, poetas e historiadores e, dentro desa corrente de recuperación identitaria “Cantares é a consolidación da emerxencia imparable dunha literatura nacional galega”, subliña o vicerreitor, que fai fincapé en que o sesquicentenario “é unha data redonda para volvermos a ollada sobre as nosas orixes e para celebrar a pasaxe dun galego desprezado a un galego apreciado e culto”.

Principais actos e datas

A idea inicial é a posta en marcha de diferentes iniciativas cidadáns, centradas maioritariamente na cidade de Vigo, onde se imprimiu Cantares “e non por casualidade, senón porque xa daquela era a capital editorial e capital das ideas progresistas de Galicia”, subliña Costas, que explica que foi no obradoiro de Compañel, onde se editaba o xornal La Oliva, onde se editou o primeiro libro monolingüe en galego.

No programa de celebracións terá especial importancia a data do 24 de febreiro, aniversario do nacemento da escritora e data elixida para celebrar o acto de apertura do Ano Rosalía, unha celebración na que as gaitas e a alborada de Rosalía “terán especial protagonismo en toda Galicia”, apunta Angueira, que adianta tamén que no mesmo lugar onde se editou o libro e mesmo noutras rúas, ruelas e praciñas do Casco Vello se realizará unha alfombra poética vexetal o 17 de maio.

Co obxectivo de dar a coñecer a ‘cidade de Rosalía’, entre outras iniciativas, a organización destaca a posibilidade de pór en marcha visitas guiadas ao Vigo dos Cantares gallegos, así como unha actividade denominada Versos libres, linguas francas que se desenvolverá coa colaboración dun grupo de tradutores da Universidade de Vigo coordinados pola Vicerretoría de Extensión Universitaria e apoiados pola Asociación de Hosteleiros, que porán en marcha unha campaña con manteis e carteis plurilingües.

Propostas expositivas

A intención dos organizadores é realizar tamén varias exposicións, se ben polo momento están aínda a estudar e desenvolver varias propostas, entre elas, O cantar dos Cantares “unha exposición coa que mostrar cal é o propósito de Rosalía, cal é a súa poética, a edición do libro en Vigo, os seus amigos vigueses e a grande influencia que tivo para a Galicia contemporánea”, explica Anxo Angueira, que subliña que a mostra conta con pezas, cadros, documentos, mobles e obxectos relacionados coa autora e co seu esposo, Manuel Murguía.

Outra das propostas levaría por título O país das mulleres , unha instalación audiovisual con grandes proxeccións de antigas fotografías de mulleres galegas e textos básicos da reivindicación do papel das mulleres na sociedade.

A bandeira de Rosalía é outra das propostas expositivas, xa que a bandeira galega aparece por primeira vez no cortexo fúnebre que traslada os restos mortais de Rosalía ao Panteón de Galegos Ilustres, en 1891. No mesmo ano, Manuel Murguía e a súa filla Alejandra poñen a bandeira galega no deseño do estandarte do Centro Galego da Habana.