DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director xeral de I+D+i inaugurou as JAI 2007

Vigo será durante toda a semana a capital internacional da automatización industrial

No Centro Social Caixanova

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 26/11/2007

O alto grao de consolidación e a dimensión internacional que as Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial adquiren na súa terceira edición son os aspectos que Salustiano Mato de la Iglesia, director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia, destacou durante a súa participación no acto de apertura destas conferencias, que teñen lugar no auditorio do Centro Social Caixanova. Segundo as súas propias palabras, “as xornadas do 2007 superan os obxectivos das anteriores ao tratar de aportar un punto de globalización con experiencias doutras partes do mundo”
Pola súa banda, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, agradeceu aos organizadores do evento o esforzo realizado e o “peso dado aos profesionais procedentes da Eurrorexión Galicia – Norte de Portugal, xa que a Universidade trata de fomentar os vínculos académicos, institucionais e económico-empresariais con esta zona a través dunha cátedra creada en convenio con Caixanova”.
As xornadas teñen como tema central a automatización industrial, unha tecnoloxía imprescindible para o control de procesos, e perseguen o obxectivo de “servir como unha plataforma onde a Universidade e o mundo empresarial se atopen en situación de harmonía para comprender que se precisan mutuamente”, tal como afirmou Salustiano Mato durante a súa intervención.
O acto de presentación das JAI contou ademais coa presenza de Antonio Vázquez Vázquez, director xeral de F.P. e E.E. da Xunta de Galicia e Carlos Palleiro Álvarez, director do Instituto Desarrollo de Caixanova.

A empresa Ros Roca, protagonista do relatorio inaugural

Joan Molins, coordinador xeral de Ros Roca, empresa de tecnoloxía aplicada ao medio ambiente, foi o encargado de ofrecer a primeira das conferencias realizando unha análise do modo en que a compañía levou a cabo o seu proceso de internacionalización cun proxecto baseado nas persoas.
“Como base do negocio, a compañía entende que a especialización é obrigada para competir nun mercado global, pero ao mesmo tempo precísase de certa diversificación da oferta para reducir riscos” tal como el mesmo sinalou, engadindo que “a clave da expansión e desenrolo da empresa está na innovación no modelo de xestión”. Así, o obxectivo é buscar a transversalidade coa participación dos empregados en máis dun equipo e aumentar a produtividade ao liberalos de horarios fixos.

Próximas conferencias

As oito sesións en que se dividen as III Xornadas sobre Tecnoloxías e Solución para a Automatización Industrial terán lugar ata o 30 de novembro e contarán con importantes expertos no tema, entre os que destaca Pedro Redondo, presidente entrante de ISA España; Yon Asensio, responsable de National Instruments; Benjamín Ortega, representante de SIEMENS; Cesáreo Barciela, xerente de ASM, e Javier Martínez, director comercial de Rockwell Automotion.
A Escola Técnica Superior de Enxeñeiros, que conta con tres décadas de vida, é a encargada de organizar este evento en colaboración con outras institucións locais e autonómicas. O director de I+D+i da Xunta considerou estas xornadas como un elemento central dentro do trinta aniversario de industriais por “aportar visibilidade fóra das nosas fronteiras aos seus equipos de investigación e innovación”.