DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mide o impacto dos medios dixitais de 21.250 centros de ensino superior de todo o mundo

Vigo, no Top 15 das universidades españolas no Ranking Webometrics

Lidera o Sistema Universitario de Galicia, ocupa o posto 141 en Europa e o 343 a nivel internacional

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 01/03/2013

“Os nosos medios dixitais tamén están a altura dos tempos que vivimos”. Afírmao Xavier Martínez Cobas, comisionado de Plans Estratéxicos da Universidade de Vigo, e confírmao a 12ª edición do Ranking Web de Universidades e Repositorios (Ranking Webometrics) elaborado polo Laboratorio de Cibermetría do CSIC, no que a institución viguesa se atopa entre as 15 primeiras universidades españolas recollidas dentro das 500 máis destacadas desta clasificación internacional. Co posto 14, Vigo aparece na mellor posición de todo o Sistema Universitario de Galicia. Vigo continúa nun camiño ascendente que levou á institución a pasar do posto 452 a nivel mundial no 2008 a escalar ata o 343 na última edición e a situarse entre os 141 centros europeos máis destacados. “Este listado confirma que, pouco a pouco, a Universidade de Vigo comeza a aparecer con regularidade en todo tipo de rankings internacionais como unha referencia entre as cincocentas mellores do mundo”, salienta Martínez Cobas.

Dominio estadounidense

A fenda dixital é clara: domina Estados Unidos. Universidades e institutos tecnolóxicos estadounidenses non só copan os 13 primeiros postos a nivel internacional, senón que representa o 76% das institucións consideradas como as 50 mellores do mundo. Lideran a táboa Harvard University, Stanford University e o Massachusetts Institute of Technology (MIT) e hai que agardar ata o posto 14 para ver a primeira universidade europea, Cambridge. A sorpresa ven da man de Latinoamérica, onde é salientable a gran cantidade de universidades brasileñas que ocupan posicións altas na clasificación, comezando pola de Sao Paulo, no posto 19. Pola súa banda, mentres Xapón, Taiwán, China, Hong Kong e Singapore lideran o rankins asiático, os coreanos seguen estando moi por detrás dos seus países veciños e as institucións do subcontinente indio aparecen moi lonxe do Top 500.

En Europa, destaca a boa posición das institucións británicas, con Cambridge, Oxford e College London á cabeza seguidas das universidades de Helsinki e Utrech. Pola contra, os centros de ensinanza superior franceses non se atopan nin sequera entre as 100 mellores universidades europeas e cómpre agardar ata o posto 264 do ranking internacional para ver aparecelos por primeira vez (Université Claude Bernard Lyon 1).

A primeira institución española da clasificación mundial é a Universidad Complutense de Madrid, que ocupa o posto 76 e lidera o ranking nacional. Séguenlle na clasificación estatal a Politècnica de Catalunya (posto 132 a nivel internacional), a Politécnica de Madrid (135), a Universitat Autònoma de Barcelona (148) e a Universidad de Granada (173). Vigo ocupa a décimo cuarta praza cun posto 326 en visibilidade, 337 en presenza, 556 en apertura e 571 en excelencia a nivel mundial.

Obxectivo: espallar o coñecemento

Dende 2004 o Ranking Webometrics mide dúas veces ao ano (xaneiro e xullo) o volume, a visibilidade e o impacto das páxinas web publicadas por máis de 21.250 centros de ensinanza superior de todo o mundo, cun especial énfase na produción científica e no impacto que esta ten a través do número de enlaces recibidos. A diferenza doutros rankings basados en datos bibliométricos, Webometrics mide outras misións tales como a ensinanza ou a chamada terceira misión, tendo en conta “non só o impacto científico das actividades da universidade, senón tamén a importancia económica da transferencia de tecnoloxía á industria” ou o compromiso da institución co espallamento do coñecemento.

Para facer esta clasificación ademais de medir o número de páxinas web de acordo co buscador Google e a visibilidade, o Laboratorio de Cibermetría do CSIC ten en conta os ficheiros ricos e o scholar, o número de artigos recollidos en Google Scholar durante os últimos cinco anos. O obxectivo orixinal é apoiar as iniciativas de acceso aberto e promover o acceso global ao coñecemento académico promovido polas universidades de todo o mundo.