DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A competición celebrarase o sábado 24 de marzo a partir das 18.00 h

O VII Trofeo de Atletismo Club Deportivo Aurum traerá ao campus “aos mellores velocistas de Galicia”

Están inscritos arredor de 300 deportistas

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 23/03/2018

Este sábado, 24 de marzo, as pistas de atletismo do campus de Ourense acollerán unha nova competición deportiva. Será o VII Trofeo de Atletismo Club Deportivo Aurum, que contará coa participación de 300 inscritos, entre eles “os mellores velocistas de Galicia”, segundo indica a organización. O certame, que comezará ás 18.00 h, premiará ao mellor atleta masculino e feminino da competición.

A cita foi presentada este venres por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Mario Guede, concelleiro de Deportes; Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense, e Eladio Gómez, presidente do Club Deportivo Aurum. O vicerreitor do campus salientou como a universidade volve unha vez máis a pór a disposición da cidadanía “unhas instalacións de altas prestacións” como son as pistas universitarias e gabou o labor do Club Deportivo Aurum “nun deporte que non é maioritario pero si moi interesante” como é o atletismo. Da cita, Mario Guede recalcou que se trata “dunha competición do máximo nivel” que marcará o inicio do calendario de competicións ao aire libre na cidade.

Cambio de rexistro

Apuntando como para o seu club este trofeo “é o acontecemento do ano”, Eladio Gómez indicou como nesta edición o certame “dá un xiro radical”, pasando dun programa máis centrado no fondo a outro máis centrado na velocidade. Este cambio, sinalou, débese a múltiples circunstancias, como son o auxe desta modalidade en Galicia e o desexo de aproveitar o feito de que esta fin de semana tamén hai unha concentración da atletas da Federación Galega de Atletismo que permite ter en Ourense “aos mellores velocistas de Galicia”. Tamén subliñou o presidente do Club Deportivo Aurum o feito de que “Ourense é na actualidade a punta de lanza do atletismo galego”, grazas entre outros aspectos, citou, ás instalacións deportivas existentes no campus, en Expourense e en Monterrei.

Durante a presentación, Eladio Gómez entregou en nome da xunta directiva do club unha distinción a Virxilio Rodríguez “pola súa colaboración estes catro anos”. O presidente do Club Deportivo Aurum agradeceu ao vicerreitor do campus a colaboración prestada ao longo deste período non só ao atletismo ourensán senón tamén galego. Virxilio Rodríguez recolleu a distinción agradecendo este recoñecemento e destacando como “é un luxo” contar en Ourense con axentes sociais “comprometidos” como este club deportivo.