DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os interesados en enviar comunicacións poderán facelo ata o vindeiro 15 de febreiro

A VII Xornada de Innovación Educativa fai unha chamada a aprender para ensinar

Esta iniciativa está dirixida a profesores tanto da Universidade de Vigo coma doutras institucións e

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 15/01/2013

Aprender para ensinar. Ese é o obxectivo da Xornada de Innovación Educativa que, ata o 15 de febreiro, mantén aberto o prazo para o envío das comunicacións da súa sétima edición. Organizado dende a Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade, esta iniciativa, que se celebrará no vindeiro mes de decembro, está dirixida a profesores tanto da Universidade de Vigo coma doutras institucións educativas “para analizar os resultados, identificar campos de mellora e as correccións precisas nas técnicas empregadas no ensino universitario despois dun ano da implantación total do EEES,” indica Luís Anido, director do Área de Formación e Innovación Educativa.

Xornadas internacionais multidisciplinares

Na presente edición, o temas para as comunicacións é libre sempre que estean relacionados coas novas metodoloxías didácticas, desenvolvemento de novos contidos e programas docentes, a adaptación ao EEES, a aprendizaxe por competencias, o uso de redes sociais e ferramentas 2.0 ou a xestión do tempo do alumnado entre outros.

Tras seis anos de experiencia con estas xornadas, a valoración feita dende a organización é positiva xa que “se ben pode pensarse que a demanda por este tipo de actividades diminuíu, a realidade di exactamente todo o contrario, tal e como amosan os datos”, puntualiza Anido. Na última edición, na que se abriu por primeira vez a convocatoria a docentes de universidades de fóra de Galicia e de fóra de España, presentáronse máis dun cento de comunicacións das cales se seleccionaron 44. Con máis de 300 asistentes “estas xornadas facilitaron o intercambio de experiencias no ámbito da innovación con compañeiros e compañeiras doutras institucións académicas, o que amosa o noso compromiso coa formación continua para, nestes tempos difíciles, estar á altura no empuxe do noso profesorado”, apunta.

Novidades e actividades complementarias

A principal novidade desta próxima edición é a data de celebración, que pasará á última semana antes do Nadal. Este cambio fai que o evento coincida coa Xornada de Innovación en Xénero, facilitando a asistencia dos interesados de fóra da Universidade a ambos actos, creando sinerxías entre dous aspectos que camiñan próximos. Ante a importancia da innovación no eido da educación, “queremos destacar que en xuño se celebra o III Congreso Internacional de Docencia Universitaria, que se está convertendo nun referente estatal e mesmo internacional e no que animamos a participar ao noso profesorado”, indica Anido.

Prazos de inscrición

O evento terá lugar os días 16 e 17 de decembro de 2013 e o límite para o envío dos traballos completos será o 15 de febreiro. Toda a información sobre as xornadas pódese consultar na súa páxina web.