DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dende hoxe e durante os días 16, 20, 21 e 24 de abril no Edificio Xurídico-Empresarial

As VII Xornadas Sociedade e Dereito analizarán as relacións Igrexa-Estado ao longo da historia constitucional española

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 14/04/2009

Analizar a problemática das relacións entre as distintas confesións relixiosas e o Estado español dende unha perspectiva histórica, filosófica e xurídica é o obxectivo das VII Xornadas Sociedade e Dereito que se inauguraron este martes 14 de abril no Edificio Xurídico-Empresarial e que se prolongarán durante os días 16, 20, 21 e 24 deste mes. En palabras da decana da Facultade de Dereito, Inés Iglesias, “estas son unhas xornadas históricas no centro e que tratan en todas as súas edicións temas da máxima actualidade”. Nesta ocasión o eixo das conferencias serán as Relacións Igrexa-Estado na España contemporánea, facendo un repaso da historia constitucional española dende o século XIX, pasando pola Constitución do ano 1812, a II República, o período franquista e chegando ata os tempos modernos. Trataranse tamén asuntos de actualidade como son a polémica materia de Educación para a Cidadanía ou o aborto, “temas que xiran arredor do marco constitucional e ligados ás relacións entre a Igrexa e o Estado”, indicou Iglesias.
Pola súa banda, o director das xornadas, José Agustín González-Ares, cuxa labor foi destacada por todos os presentes, agarda que as xornadas “cumpran as expectativas dos participantes e axuden a comprender as complicadas relacións, pasadas e presentes, entres estas dúas institucións”.
Na súa quenda de intervención, Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus, non perdeu a ocasión de lembrarlles aos asistentes a importancia de acudir a este tipo de cursos xa que é “unha formación complementaria fundamental que vos servirá para saír ao mercado laboral con algo máis que un título”. O vicerreitor destacou ademais a calidade dos relatores convidados ás xornadas a pesar “dos baixos presupostos que se manexan para estas actividades” e, neste sentido, agradeceu a colaboración do Consello Social, “sempre un apoio para o campus”.
Xa para rematar o presidente do Consello Social, Emilio Atrio, quen deu por inauguradas as xornadas, reiterou os parabéns a González-Ares e subliñou que a institución á que el representa “sempre colaborará en todo o posible neste tipo de actividades, tan habituais neste campus”.

Igrexa e Estado, unha difícil relación

As xornadas, abertas a todo o público, desenvolveranse ao longo do mes de abril en cinco sesións, a primeira das cales tivo lugar este martes tras o acto inaugural. As conferencias da tarde comezaron da man de José Mosquera, profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Vigo, quen desenvolveu no seu relatorio o tema da confesionalidade estatal e a intolerancia relixiosa na Constitución de 1812. Tras el foi Alberto Vaquero o encargado de continuar a sesión achegando aos participantes ás relacións económicas actuais entre a Igrexa católica e o Estado e ofrecendo unha perspectiva de futuro. O último relatorio da tarde correu a cargo de Arturo González, decano do Colexio de Avogados de Ourense, quen deu conta do tema da obxección relixiosa e o acatamento das leis. Para rematar a xornada tivo lugar unha mesa redonda na que diversos participantes debateron sobre as relacións destas dúas institucións ao longo da historia constitucional española do século XIX.
Sempre co obxectivo de examinar os aspectos que constitúen o principal motivo de controversia e deixando entrever a través dos seus relatorios as liñas de futuro e as posibles respostas normativas e sociolóxicas a esta problemática, as xornadas continuarán os días 16, 20, 21 e 24 en horario de tarde, sesións nas que se falará de temas como o apoio da Igrexa católica ao bando nacional na Guerra civil, o fenómeno relixioso na sociedade multicultural, os efectos da desamortización dos bens eclesiásticos na provincia de Ourense ou o sistema de financiamento da Igrexa entre outros.