DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celébrase hoxe venres e mañá sábado na Facultade de Educación e Traballo Social

O VIII Congreso Tadega afonda no aproveitamento da tecnoloxía dixital en educación, diversidade e inclusión

Conta coa participación de arredor de 130 persoas, maioritariamente profesorado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Cooperación
  • Investigación
DUVI Ourense 03/11/2023

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle hoxe venres pola tarde e mañá sábado a celebración do VIII Congreso Tadega. 15 anos de Comunidade, Tecnoloxía, Diversidade e Inclusión. A cita está organizada por Tadega (foro de profesionais maioritariamente galegos de distintos campos profesionais implicados na educación e, dun xeito especial, na atención á diversidade) e a facultade que acolle a cita, contando ademais co apoio da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo.

Este congreso, explican desde a súa organización (na que está a profesora da Facultade de Educación e Traballo Social Almudena Alonso) celébrase, desde a creación de Tadega en 2007, cada dous anos de xeito rotatorio polas cidades galegas, sendo Ourense a elixida nesta ocasión. A súa celebración na Facultade de Educación e Traballo Social, sinalan desde o decanato deste centro, enmárcase na súa aposta pola inclusión e a diversidade, eixos de traballo recollidos no seu plan estratéxico.

Nove obradoiros

Tadega (Tecnoloxías de Atención á Diversidade na Educación Galega) é unha entidade formada por arredor de 150 persoas, maioritariamente docentes aínda que aberta a todas as persoas interesadas, que ten un dobre obxectivo segundo explican as e os seus responsables. Por unha banda, quere rachar a coñecida como fenda dixital e por outra investigar, fomentar, compartir, debater, deseñar, adaptar e propor as ferramentas, as maneiras e os métodos para obter o mellor proveito das tecnoloxías dixitais nos campos educativos nos que están a traballar. O seu compromiso céntrase en que “a realidade educativa galega para a atención á diversidade optimice ao máximo as oportunidades que a tecnoloxía dixital pode ofrecer en cada momento”. Co seu congreso bianual, buscan “dar a coñecer experiencias de valor que se están facendo neste eido”, contando nesta edición coa participación de arredor de 130 persoas, maioritariamente profesorado, destacando entre el o das etapas de Infantil e Primaria.

A programación do VIII Congreso Tadega  ten un carácter eminentemente práctico, participando cada asistente en diversos obradoiros elixidos segundo as súas preferencias entre os ofertados nesta edición. O núcleo temático destes obradoiros céntrase na confluencia de tecnoloxía dixital, educación e atención á diversidade. Así haberá talleres de currículo e programación LOMLOE; de linguaxe natural asistida con AstericsGrid; de recursos TIC para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e de intelixencia emocional. Tampouco faltarán obradoiros de creación de contidos dixitais; de robótica educativa para unha escola inclusiva; de aprendizaxe cooperativa e impresión 3D; de materiais para alumnado con discapacidade visual e da radio como instrumento integrador. Completará a actividade unha conferencia de arranque sobre innovación e inclusión a cargo de Ángeles Parrilla, catedrática da Universidade Vigo, e unha sesión de peche sobre boas prácticas na temática do congreso.