DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo informaron Teresa Casal e Jesús Hernández trala reunión da comisión Concello-Universidade

A vindeira semana fixarase coa ONCE a data da permuta do edificio que acollerá a residencia do campus

O vicerreitor apunta este edificio como a solución máis viable e rápida neste momento

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 29/04/2010

Trala reunión mensual da comisión Concello-Universidade celebrada esta mañá, a concelleira de urbanismo, Teresa Casal, confrmou que o vindeiro xoves día 6 de maio se reunirá cos representantes da ONCE para concretar todos os trámites pertinentes para a permuta do edificio do colexio pola parcela da Unidade 18, “comezando por fixar unha data para a sinatura das escrituras públicas correspondentes”. Será o paso definitivo para a cesión de uso deste edificio á Universidade, no que se prevé situar unha residencia de estudantes. Pola súa banda o vicerreitor do campus, Jesús Hernández, indicou que este edificio é a solución máis rápida e viable neste momento para as necesidades existentes.
En relación á posibilidade de localizar a residencia no antigo edificio de Maxisterio, formulada no programa da candidatura de Nova Universidade ás eleccións a reitor, Hernández considera que é unha opción inviable e sinalou varios puntos en contra. “Ese edificio é propiedade do Estado e ademais está afectado por Costas, polo que o tempo preciso para que pasase a ser titularidade da Universidade pode prolongarse ata 20 anos”, comentou, engadindo que requiriría un investimento de 20 millóns de euros fronte aos 2 que se prevén para o edificio da ONCE. Como punto en contra citou tamén o actual uso destas instalacións, onde funciona unha escola de infantil e primaria e un centro de ensino de adultos que habería que resituar .
“No edificio da ONCE a residencia podería estar en funcionamento en ano e medio e a súa envergadura, con 120 prazas, permitiría acoller non só estudantes, senón tamén docentes ou outras persoas como as que están no Centro de Tecnificación Deportiva”, afirmou en favor do Colexio da ONCE. Aludiu tamén nese sentido á Casa das Campás, sobre a que Nova Universidade manifestou a súa intención de destinar a unha residencia de profesores. “Asinouse un convenio de uso co Concello en 2005 no que se especifica que un deles é ser sede do equipo de goberno do campus”, explicou Hernández. Segundo o vicerreitor, calquera outro uso pode ser motivo de rescisión do convenio.

Aprobación da modificación puntual dos terreos de Tafisa

Nas vindeiras semanas remata o período de alegacións á modificación puntual dos terreos de Tafisa, polo que Casal espera poder levar ao pleno municipal de maio a aprobación provisional dese cambio, que deberá ratificar definitivamente a Xunta de Galicia nun prazo máximo de tres meses. Deste xeito, a parcela estaría lista para asinar o convenio para a súa posta a disposición da Universidade. “O camiño está despexado e o director xeral de urbanismo informounos de que a empresa promotora entregará en breve o proxecto de urbanización da zona, o que supón a consolidación da outra pata da mesa”, comentou Casal. Isto denota, para o vicerreitor, “que malia o longo proceso o proxecto segue vivo e que está a poucos meses de facerse realidade”.

Ampliación do campus para novas titulacións

Segundo indicou o vicerreitor, a escola infantil, xa en fase de construción, e as ampliacións necesarias para os novos graos na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e na EU de Fisioterapia, completan os metros edificables da Xunqueira. “Estamos xa traballando para buscarlle unha saída ás necesidades do futuro e poder incrementar a capacidade do campus en 1000 alumnos”, afirmou ao respecto.
Preguntado polos xornalistas pola apertura do mapa de titulacións prevista para este ano apuntou que a crise está retardando o proceso. “É difícil ampliar cando se está falando de recortar gastos, pero hai que apostar pola calidade da formación e non só polo ladrillo”, sinalou. No caso de Pontevedra, apuntou como liñas para novas titulacións, por unha banda, as ligadas á arte, o deseño, a comunicación e a publicidade, e, pola outra, as relacionadas co deporte e a saúde.
O actual equipo de goberno no campus manterá a súa última reunión co Concello o vindeiro 27 de maio, polo que as dúas institucións expresaron o seu desexo de que tras as eleccións a reitor do 20 de maio se manteña activa esta ferramenta de traballo.