DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense celebra do 7 ao 10 de maio a iniciativa 'Portugués Perto'

A vindeira semana, a semana da lusofonía

Quico Cadaval, Paulo Silva ou o grupo Clave de Fado serán algúns dos artistas convidados á cita

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 02/05/2013

Música, humor, literatura, cine e formación. A iniciativa Português Perto celebrará do 7 ao 10 de maio a súa terceira edición no campus de Ourense e farao ampliando e diversificando a súa programación. Un ano máis, a cita intentará achegar a cultura galega e a lusófona a través das artes e poñendo no escenario un pouco de cada unha delas. Quico Cadaval, Paulo Silva ou o grupo Clave de Fado serán algúns dos artistas que unha vez máis afondarán na riqueza cultural que une ou que pode unir aos países de fala galega e portuguesa.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Filemón Rivas, responsable de Actividades Culturais do campus, foron os encargados de presentar este xoves o programa de Português Perto. “Esta iniciativa é unha excelente fusión de sinerxías e esforzos e tamén é unha viaxe polos matices da lusofonía e da irmandade que nos une”, destacou María Lameiras. “Serán catro días de actividades ás que convidamos a unirse a todos os membros da comunidade universitaria e de fóra dela que queiran achegarse ata o campus”, salientou Filemón Rivas.

De Quico Cadaval a Roberto Sobrado

A programación comezará o martes 7 de maio coa actuación do humorista e contacontos galego Quico Cadaval, que ofrecerá na Sala Emilia Pardo Bazán, ás 20.00 h, o seu último espectáculo Historias de Contrabando. “Será un comezo espectacular para Português Perto”, apuntou Filemón Rivas. Seguiralle o día 8 a proxección de Tabú, de Miguel Gómez, no Cineclub Padre Feijóo, que este ano se suma a esta iniciativa realizando tres pases desta peza audiovisual a partir das 18.00 h. Este mesmo día, a partir das 19.00 h, o brasileiro Paulo Silva ofrecerá na ludoteca do Edificio de Ferro un obradoiro de percusión afro-brasileira no que os asistentes poderán coñecer algúns dos principais instrumentos e ritmos destas dúas culturas. O 9 de maio as actividades continuarán cun concerto de Clave de Fado, un grupo galego que ofrece no seu repertorio fados cantados en galego e en portugués e nos que a cultura dos dous países se fusiona. Será tamén na Sala Emilia Pardo Bazán do campus, ás 20.00 h.

Xa para rematar, o xoves 10 de maio Português Perto dará acubillo á celebración dunha nova edición da iniciativa Tasca e Literatura, organizada pola Asociación Cultural do Carballiño Avantar coa colaboración da Vicerreitoría do campus. “Desde o ano pasado, Avantar celebra unha edición especial de Tasca e Literatura fóra do Carballiño, en Ourense, e este ano quixemos incluíla dentro da celebración de Português Perto e facer algo especial”, comentou o responsable de Actividades Culturais do campus. Nesta cita poética e informal, na que a literatura se mesturará coa conversa e a improvisación, estarán Sonia Moral, Vitor Viñal, Belén de Andrade, Guillerme Alén, Ledicia Costas, Concha Rousia, Víctor Gulías, Marisol Gándara e Xabier Xil, estes dous últimos distinguidos pola Universidade de Vigo co seu premio de poesía. Os cantautores Rui Davide, de Portugal, e Roberto Sobrado, de Galicia, porán o broche musical a esta cita, que se celebrará no Café Auriense.

As actividades serán de balde e con entrada aberta a todas as persoas interesadas. A única excepción será a proxección de Tabú, que terá un custe de catro euros para o público xeral e de tres para o alumnado universitario, xa que terá lugar nas salas Cinebox.