DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de inscrición esténdese dente hoxe ata o venres 27 de novembro

O vindeiro curso da Aula Tecnolóxica da Casa das Campás abordará as aplicacións pedagóxicas do JClic

Este programa permite crear actividades multimedia que estimulan un modo activo de aprendizaxe

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E.L. Castro DUVI 23/11/2009

Cada vez son máis os centros de ensino que apostan pola integración de ferramentas multimedia nas aulas para captar a atención do alumnado e estimular un modo de aprendizaxe activo. Son múltiples as estratexias e ferramentas que se poden empregar neste camiño e descubrir unha delas é o obxectivo do curso O programa JClic como ferramenta educativa, a vindeira actividade de formación permanente da Aula Tecnolóxica da Casa das Campás, dirixida a todas as persoas interesadas, de xeito particular ao persoal docente de ensino primario, secundario e bacharelato.

Exercicios didácticos e interactivos

O Jclic é un programa informático para a creación, realización e avaliación de actividades educativas multimedia, desenvolvido na plataforma Java. Está baseado en estándares abertos e funciona en sistemas operativos Windows, Linux, Mac OS X e Solaris. Constitúe unha potente ferramenta para o ensino nas diferentes etapas do sistema educativo, que lles permite aos docentes crear aplicacións didácticas e interactivas como quebracabezas, encrucillados, sopas de letras ou exercicios de texto, para traballar aspectos procedimentais de todas as áreas curriculares.
Esta actividade formativa desenvolverase do 4 ao 18 de decembro en horario de 19.00 a 21.00 horas e será impartida por Irene Comesaña Pérez. Os contidos do curso abranguen unha parte teórica de descrición e introdución ao entorno Jclic e á súa instalación e posibilidades, acompañada de exemplos de actividades realizadas co programa. Así mesmo, integran unha parte eminentemente práctica de uso de aplicacións Clic en liña. Supón unha nova achega sobre as posibilidades do software libre accesible para todos na rede e sobre a súa aplicación particular no ámbito educativo, permitindo, neste caso, a cooperación e o intercambio de materiais entre centos de ensino e educadores de diferentes países e culturas.

Matrícula gratuíta a través da APV

A matrícula deste curso é totalmente gratuíta e pode formalizarse desde hoxe ata o vindeiro venres día 27 a través da Área de Posgrao Virtual (APV). Ofértanse en total vinte prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. Está aberto a toda a sociedade, pero orientado de xeito especial ao persoal docente da comunidade educativa.