DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro martes, todos a bailar á rúa

As Aulas Abertas de Danza despedirán o curso cunha exhibición nas rúas da cidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijoo DUVI 26/05/2011

Coñecerse a un mesmo para poder achegarse aos demais é fundamental para poder compartir plenamente todo o que se sente. Este é o obxectivo das Aulas Abertas de Danza, unha iniciativa que xurdiu no 2009 e que o vindeiro martes sacará á rúa o froito de meses de entrenamento expresivo. Será nunha exhibición enmarcada na danza-teatro, mesturando palabra e movementos corporais. “É unha despedida moi interesante que serve como promoción das xornadas e para experimentar a desinhibición de que todos nos miren”, tal como explica a coordinadora, María Peña Lombao.


O curso, impartido na Casa das Campás polas profesoras Beatriz Pérez e Kirenia Martínez, da compañía de danza Entremans, pretende que todos os asistentes “escoiten o seu propio corpo” e se mostren abertos, receptivos e relaxados para “poder detectar os bloqueos, que sempre están asociados a emocións ou a determinados estados mentais”, comenta Kirenia Martínez. Unha vez localizados eses puntos de tensión “hai que traballar na liberdade muscular” co obxectivo de asimilar novos rumbos e directrices. Búscase coñecer o propio corpo, “de tomar consciencia do que pasa internamente para logo transmitilo no movemento da danza”, engade a profesora.

Para todos ‘os corpos’

As Aulas Abertas de Danza son unhas xornadas “aptas para todos os corpos”, pois non fai falla formación específica previa para poder sacarlle o máximo rendemento á actividade. Así o confirma a coordinadora María Peña Lombao, “son alumnos coa teima da danza pero que nunca tiveron a oportunidade de formarse nela”. Así coinciden estudantes de Belas Artes, de Publicidade ou de Fisioterapia, “porque a danza contemporánea se por algo se caracteriza, é por non ser exclusiva”.

Tanto nas sesións prácticas “nas que se imparten pasos, movementos de cadeira, ritmos...” como naquelas máis orientadas á reflexión, os ingredientes fundamentais son a creatividade, a música e a improvisación. Como aclara a profesora Kirenia Martínez “os exercicios son a partir dos alumnos, eu propoño pero son os que deben desenvolver a idea”. A música, variada “para involucrar auditivamente aos presentes en situacións diferentes”.

No tocante aos asistentes, todos moi integrados e entregados. Alberto Araújo, un dos alumnos, recoñece que se decidiu matricular porque “mo recomendaron”. Séntese moi satisfeito porque a pesares de ser o seu primeiro contacto coa danza, “estou facendo algo útil co meu corpo, aprendendo a controlar a postura ou a forma de camiñar”, engade.