DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística edita un calendario ilustrado polo debuxante pontevedrés

Viñetas de Luís Davila para desbotar os prexuízos que pexan o uso da lingua galega

O artista considera que “o galego precisa todo o apoio que lle poidamos dar… e máis”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 10/01/2017

Unha mestra que pregunta a un cativo: “Que perdiste Roi?” ao que o neno responde: “A lingua”.

Un científico que asegura: “El gallego no vale para explicar la ciencia” ao que unha compañeira de laboratorio resposta: “E logo. Vaia afirmación. Ten algunha base científica?”.

Un grupo de mozas e mozos que aseguran: “Somos xente nova. E falamos galego porque nos sae, porque nos peta e porque nos dá a ghana. Aínda que alghúns sighan empeñados en vernos coma bechos raros!” , mentres son observados por un grupo de extraterrestres que os sinalan asegurando: “Hablan galllego”.

Estas son tres das doce viñetas coas que o debuxante pontevedrés Luís Davila ilustra o calendario Na Universidade en galego. Sen prexuízos, editado pola Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo co obxectivo, como explica o seu director, Paulo Cabral, “de desbotar dende a retranca algúns dos prexuízos e estereotipos que pexan o uso da nosa lingua”. Pola súa banda, con este traballo Luís Davila, que considera que “o galego ten a capacidade de expresar a miña vida ao 100%”, asegura que intenta desmontar os principais prexuízos que temos na nosa lingua, “procurando incidir no absurdo no que se sustentan. E non se trata de desprezar nin infravalorar a outras linguas, esa é unha lectura pobre e curta, o fondo é a idea principal que pretendo transmitir é a autoestima e que aprendamos a valorar máis o que temos e que falemos galego con orgullo”.

Universidade e Concello de Vigo traballan de xeito conxunto dende hai un tempo na elaboración de campaña de dinamización lingüística, fundamentalmente dirixida á mocidade, focalizando os seus esforzos en potencia e amparar os neofalantes de galego, así como consolidar o uso do galego das persoas que se achegan do rural de Galicia ás cidades. “Contabamos coa colaboración de Luís Davila para impartir algún obradoiro de deseño e tamén para realizar algunhas viñetas que incidisen sobre os prexuízos e o que fixemos foi aproveitar neste calendario algo do que xa tiñamos”, explica Cabral, que confirma a intención da Área de continuar colaborando con máis deseñadoras e deseñadores, a través de novos formatos. En canto ao proceso de elaboración deste traballo, Davila explica que despois que a Área de Normalización lle enviase un listado cos principais prexuízos, foi traballando con cada un deles. “O principal foi a motivación que para min supón a defensa do galego, penso que precisa todo o apoio que lle poidamos dar…e máis. Ademais traballar para unha institución como a Universidade garante que o teu traballo vai acadar unha funcionalidade máis didáctica e as mensaxes de cada viñeta chegarán dunha maneira directa a xente nova”, explica o debuxante.

Desenmascarar prexuízos e achegar recursos e estima para superalos

A decisión de situar os prexuízos sobre a lingua como eixo deste calendario está alentada polas enquisas sobre o uso do galego. Segundo Cabral, estes estudos revelan que hai una actitude positiva para a extensión do seu uso e se ata agora o problema era o da falta de formación e o da inseguridade lingüística, entenden que iso debería estar en fase de superación, polo menos na Universidade. “A todo o mundo parécelle moi ben o que fagan os demais, pero non un mesmo. No fondo o que estamos atopando é que hai que desenmascarar os prexuízos e dotarnos de recursos e de estima para superalos. Temos traballo abondo e para bastante tempo pero hai que buscar alternativas”, explica o director da Área de Normalización Lingüística.

Entendendo o idioma coma unha parte fundamental na cultura e na identidade dos pobos, “unha riqueza que temos que preservar e protexer sen dubidalo”, Luís Davila amósase preocupado pola supervivencia da lingua, que pensa “depende de que esa tendencia se reverta e para iso é necesario unha maior implicación por parte dos políticos e gobernos e tamén por parte de cada un de nós”.