DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na mostra "Os dereitos das nenas e nenos a traverso da obra de Francisco Tonucci"

As viñetas do mestre Francesco Tonucci chegan a Ourense para reivindicar os dereitos dos nenos e nenas

Organizada por UNICEF Ourense e a Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría DUVI 19/11/2008

A partir de este xoves, 20 de novembro, o Centro Cultural de Caixa Galicia acollerá unha mostra do traballo de Francesco Tonucci, Frato, unha das figuras máis relevantes no mundo do humor gráfico, da loita polos dereitos da infancia e da educación.
Os dereitos das nenas e nenos a traverso da obra de Francesco Tonucci, é unha mostra organizada por Unicef Ourense e a Cátedra da Infancia da Universidade de Vigo, “accesible”, asegura Emilia Seoane membro da comisión organizadora e profesora da Universidade de Vigo , “para todo tipo de público, incluídos os cativos”.
E é que desde unhas viñetas protagonizadas por nenos e nenas, Tonucci leva décadas, en clave de humor, defendendo os dereitos dos cativos, invitando para iso a reflexionar aos adultos para que teñan en conta as súas demandas e necesidades. “Tonucci é un pedagogo con proxección internacional e unha referencia para todos os que cursamos a titulación e agora trasmitímosllo aos nosos estudantes”, sinala Emilia Seoane que tamén lembra a responsabilidade do pedagogo italiano no proxecto internacional La citta dei bambini (A cidade dos nenos) que suxire aos gobernante cambios nas cidades tomando aos cativos como parámetro e garantía das necesidades de todos os cidadáns.

A mostra panel a panel

Estruturada en tres partes, a mostra recolle en case unha vintena de paneis, unha selección da obra de Tonucci cos textos das viñetas traducidos ao galego, así como unha biografía e evocacións que distintas persoas fan do mestre Frato.
A mostra patrocinada pola Obra Social de Caixa Galicia e que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, non é a primeira toma de contacto de Tonucci co campus de Ourense no que o propio pedagogo tomou parte en 2003 na 5ª Xornada sobre dereitos das nenas e dos nenos. A raíz da súa participación como poñente nas xornadas, a Universidade de Vigo publicou Fratografías, a primeira obra publicada en galego de Tonucci.