DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O documento foi descuberto no Arquivo Histórico Nacional de Simancas no ano 2006

O viño do Ribeiro foi o primeiro caldo en chegar ao Novo Mundo

Segundo revela un texto que está a ser estudado polo alumnado do Máster en Viticultura e Enoloxía

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Raquel Feijóo DUVI 12/03/2010

O viño do Ribeiro puido ser o primeiro caldo en chegar ao Novo Mundo tras o seu descubrimento pola expedición de Cristóbal Colón no ano 1492. Así o revela un documento do Arquivo Histórico Nacional de Simancas descuberto no ano 2006 polas investigadoras Consuelo Varela, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e Isabel Aguirre, do Arquivo de Simancas e analizado polo alumnado do Máster en Viticultura e Enoloxía na materia Historia do Viño, impartida polo docente e investigador Luis Congil.
O texto revela que un clérigo galego, cuxo nome descoñecemos, levou a La Española dous pipotes “de vino de Ribadavia” e que o seu consumo rematou por provocarlle unha disputa co Almirante que ordenou a súa incautación. Congil explica que con este descubrimento o viño do Ribeiro aspiraría a ocupar a importante consideración do primeiro viño consumido no continente americano, “continente que hoxe alberga países con rexións produtoras de tanta importancia como os Estados Unidos, Arxentina ou Chile”, declara.

As naves de Colón ían cargadas de viño

Durante toda a historia o cultivo da vide seguiu un proceso migratorio de este a oeste nun percorrido que recibiu un empuxe definitivo no século XV co salto do Océano Atlántico e a chegada dos caldos europeos ao continente americano. As tres naves fletadas por Cristóbal Colón ían cargadas de viño “tendo en conta que para a travesía reservábanse dous litros por mariñeiro e día como unha parte do seu sustento calórico e como salvagarda contra as enfermidades derivadas de beber auga en mal estado” segundo explica Congil.
O investigador subliña que a importancia do viño do Ribeiro dentro do mercado mundial xa se coñecía dende a Idade Media e que por iso era doado pensar que os caldos desta denominación poderían estar entre os primeiros en dar o salto de Europa a América. “O descubrimento das investigadoras pon fin a esta dúbida e asenta como verdade científica o consumo de polo menos un viño concreto nos tempos inmediatos da chegada ao Novo Mundo e ese primeiro caldo é un bo vino de Ribadavia”, declara.

A transcrición do xuízo de Bobadilla

Explica Congil que esta referencia á temperá presenza do Ribeiro no Novo Continente pasou desapercibida durante séculos “ao térense perdido as actas do xuízo ou Pesquisa de Bobadilla, un documento que recolle os interrogatorios ordenados polos Reis Católicos aos primeiros colonos enfrontados con Cristóbal Colón no ano 1500”. A transcrición das actas deste xuízo polas investigadoras permitiu aportar nova luz sobre o camiño seguido polo viño galego na súa viaxe a América.
Os dous pipotes de viño do Ribeiro que o abade levou a La Española “constituíron un forte motivo de disputa co Almirante e os seus mandos nas primeiras e inestables colonias que se fundaron na actual illa de Santo Domingo”, segundo o investigador. Pois ben, na transcrición dos folios XVIII e XIX da testemuña dun español apelidado Salaya ante Bobadilla aparece a seguinte cita: “Ytem, dize que a un clérigo gallego le fue tomada una pipa o dos de vino de Ribadavia y que estando (...)”. Nese relato aparece por primeira vez un personaxe galego, un abade que non está citado con maior precisión porque, como explica Congil, “algúns clérigos puideron embarcarse de maneira irregular, algúns fuxindo e outros nun afán por enmascarar a súa personalidade”.

Intervención dos Reis Católicos

Para Congil a transcrición dos interrogatorios entre os colonizadores de La Española cambiaron a percepción que se tiña ata entón de Colón como un magnánimo descubridor e contribuíron á desgraza do Almirante. “Sen embargo, para a historia do viño, este interrogatorio ten unha importancia transcendental grazas a un feito colateral que Francisco de Bobadilla relata para ilustrar a crueldade e a mala fe de Cristóbal Colón”, explica. O documento recolle, así mesmo, que cando os Reis Católicos leron a testemuña de Salaya “déronlle a razón ao pobre abade galego despoxado do seu viño do Ribeiro e mesmo chegaron a ditar unha sentenza obrigando ao Almirante a restituírlle o seu valor aos herdeiros do cura”, declara.
Dende o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro destacan tamén a importancia deste descubrimento para apuntalar o dato de que os seus caldos estiveron entre os máis importantes de Europa durante case mil anos, copando o comercio internacional e mesmo chegando a ser os primeiros en chegar a América.