DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Oito mulleres e 12 homes tomaron posesión das súas prazas nun acto presidido polo reitor

Unha vintena de docentes da Universidade toman posesión da súa cátedra

Reigosa solicitoulles que titoricen a renovación prevista nos departamentos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 26/04/2019

A sala de xuntas do Edificio Ernestina Otero acolleu este mediodía o acto de toma de posesión dunha vintena de catedráticas e catedráticos da Universidade de Vigo. Oito mulleres e once homes, pola ausencia dun deles, tomaron este venres posesión das súas prazas nun acto presidido polo reitor, Manuel Reigosa, que lle fixo entrega, acompañado do secretario xeral, Miguel Ángel Michinel, do pin de prata da Universidade.

Aurora García González; María Lameiras Fernández; María López Díaz; Belén Martín Lucas; María del Carmen Pérez Pérez; Margarita Rosa Pino Juste; María Ángeles Sanroman Braga; Julia Asunción Serra Rodríguez; Jose Carlos Bendicho Hernández; Pablo Raúl Bonorino Ramírez; José Antonio Castro Fernández; Carlos María Fernandez-Jardón Fernandez; Ramón González Rodríguez; Antonio López Castedo; Cándido Antonio López García; Henrique Lorenzo Cimadevila; José María Matías Fernández; Francisco Javier Rodríguez Rajo e Rafael Vallejo Pousada, son as e os catedráticos que hoxe tomaron posesión e que desenvolven a súa actividade docente e investigadora en diversas áreas do coñecemento na institución académica viguesa. Pola súa banda, Roberto Ignacio Fernández López, que hoxe non puido asistir ao acto celebrado no edificio Ernestina Otero, tomará posesión a vindeira semana.

Parabéns e unha petición

Finis coronat opus. O fin coroa a obra”. Así comezou o reitor a súa intervención previa á sinatura e entrega de pins, na que Manuel Reigosa felicitou ás e aos novos catedráticos “por un traballo e esforzo continuado dentro da institución, que é recoñecido despois de tanto tempo, pero as circunstancia que vivimos no país, fixeron que vivísemos unha serie de atrancos e que tivésedes que agardar tanto tempo”. O reitor, que se referiu á consecución da cátedra como o cumio da carreira universitaria, trasladoulle ás e aos novos catedráticos a encomenda de titorizar ás novas persoas que se vaian incorporando aos departamentos para acadar así a súa renovación. “Toda a universidade, por mor da crise, está avellentada e non houbo renovación e nós imos intentar durante os próximos catro anos acadar unha serie de persoa novas que virán con empuxe e capacidade de traballar, pero que precisan axuda e titorizacion e iso requerirá que non baixedes o pistón e sigades a traballar”, solicitou o reitor, que considera unha mágoa que as novas persoas que se incorporen á institución non conten coa experiencia e coñecementos das e dos catedráticos. 

O reitor manifestou o seu desexo de que durante este mandato todas as persoas que teñan os méritos para acadar a praza de catedrático a acaden “porque é de xustiza  que cando alguén acada un recoñecemento externo e tan difícil e esixente poidamos inmediatamente sacar a cátedra”, asegurou Reigosa.