DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto BIOAVAN

Unha vintena de profesionais analizan no campus a evolución da fabricación de produtos biomédicos avanzados

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Lucía Costas DUVI 12/11/2008

Os membros do consorcio BIOAVAN, un proxecto singular e estratéxico centrado na funcionalización de polímeros para a fabricación de produtos biomédicos avanzados, clausuraron hoxe na ETS de Enxeñeiros Industriais unha das reunións semestrais para valorar o avance do plan. Trátase da primeira vez que este encontro ten lugar en Vigo, onde se atopa unha parte importante dos participantes: o Complexo Hospitalario Universitario e o departamento de Física Aplicada da ETS de Enxeñeiros Industriais. “A fabricación de novos materiais ou a súa transformación de maneira que se poidan conseguir produtos sanitarios con propiedades que faciliten o seu uso para que os pacientes sufran menos ou se recuperen de maneira máis rápida, é a idea de partida do BIOAVAN”, explica Enrique Ipiñazar, coordinador xeral do proxecto. Nel preténdese abordar a demanda actualmente existente na área da biomedicina en relación aos plásticos, ademais de axudar ás empresas a diversificar os seus produtos impulsando desenvolvementos que requiren un grado de avance técnico alto e multidisciplinar dificilmente abordable por elas soas, favorecendo o seu posicionamento no mercado e a súa competitividade nun futuro próximo.
O proxecto está orientado ao logro da elaboración de materiais poliméricos, inéditos ata o de agora no mercado, de catro tipos: con propiedades anti-bacterianas, anti-trombóticas, termo-modulables e biodegradables. Coa funcionalización de polímeros con axentes antibacterianos, como biocidas e antibióticos, lograrase diminuír significativamente o risco de infeccións hospitalarias; cos que teñen propiedade anti-trombóticas tratarase de evitar a provocación de trombos; cos materiais poliméricos termo-modulables intentarase crear próteses máis á medida do paciente e cos biodegradables implantes que, unha vez feita a súa función, poidan desaparecer. Un proxecto que está desenvolvendo con exactitude todas as súas etapas, cumprindo ata o de agora, segundo Ipiñazar, “as pautas establecidas inicialmente, chegando incluso a obter moito máis do esperado, proba diso son as tres patentes xa rexistradas e o camiño cara unha cuarta”.

A función da Universidade de Vigo

A participación da Universidade dentro do BIOAVAN é bastante destacada e xoga un papel fundamental a través do departamento de Física Aplicada da ETS de Enxeñeiros Industriais e o Complexo Hospitalario Universitario.
O departamento de Física Aplicada, composto por 30 membros, está a traballar “na funcionalización superficial destes polímeros mediante diferentes tipos de láser”, explica o profesor Juan Pou. Á vez, distínguense dous grupos, un encargado do estudio de novos materiais e outro, dirixido por el mesmo, que experimenta na aplicación dos láseres nos plásticos, sendo capaces de modificar as propiedades da superficie destes para conseguir os diferentes materiais poliméricos. Ambos os dous xa levan unha longa traxectoria de máis de doce anos traballando neste campo, polo que “a súa experiencia conxunta en cuestións de láseres e biomedicina, non habitual noutros centros españois, fixo que a Universidade se integrara neste estudo”, declara Juan Pou.
Pola súa parte, o Complexo Hospitalario, nas especialización de traumatoloxía e oftalmoloxía, ocúpase da validación dos resultados apoiando á demanda dos profesionais. Isto mesmo é o que fan o resto dos centros de especialidades médicas integradas no consorcio, así, por exemplo, o Centro de Cirurxía de Mínima Invasión de Cáceres encárgase dos ensaios na fase previa do modelo animal.

O fundamento do BIOAVAN

A funcionalización de polímeros para a fabricación de produtos biomédicos avanzados é un proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación que comezou fai agora dous anos e prolongarase ata o 2010. A iniciativa xurdiu da Fundación INASMET-TECNALIA, á que pertence Enrique Ipiñazar, pola aposta “dun proxecto ambicioso, multidisciplinar e único”, declara o propio Ipiñazar.
Neste senso, e a partir de entón, fóronse adherindo diferentes entidades que hoxe conforman o consorcio, unha agrupación que “brilla polo seu bo funcionamento e compenetración entre os membros”. Son un total de 19 membros repartidos entre organismos públicos de investigación, centros tecnolóxicos, empresas relacionadas coa biomedicina, centros hospitalarios e a propia Federación Española de Empresas de Tecnoloxía Sanitarias (FENIN).