DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa representación no Auditorio do Concello da obra 'Los niños perdidos' de El Fénix Producciones

A violencia infantil ergue o pano da Miteu en Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 18/04/2012
Instalada no terreo do humor negro e a agudeza irónica de quen acepta que vive nun mundo que non ten remedio, Los niños perdidos, ergueu este martes o pano da Miteu no Auditorio Municipal de Vigo. A partir do conto de Francisco Hinojosa, A los pinches chamacos, a compañía mexicana El Fénix Producciones, abordou a evidencia dunha das problemáticas máis importantes das sociedades urbanas: a violencia familiar e por ende a violencia infantil.

A obra conta a historia de tres “pinches chamacos”, o protagonista, interpretado polo director da compañía, Esteban Castellanos, e os seus amigos, que acordan escaparse das súas casas nas que son maltratados, algo que tamén lles ocorrerá na rúa. Unha violencia á que responden do mesmo xeito: a balazos coas persoas que os agreden física e verbalmente, elaborando así unha visión falsa da realidade que os leva a xustificar todos os crimes que cometen. Cunha ambientación minimalista expresada a través do deseño sonoro e os trazos impresionistas da iluminación que constrúe os trazos esenciais dos espazos, ambientes e tránsito dos personaxes, a obra de El Fénix Producciones suma más de 300 representacións en escenarios internacionais.

Estranxeiros en todas partes

A obra Nosa Señora das Nubes de Artístides Vargas adaptada pola Aula de Teatro da Universidade da Coruña, protagonizará a segunda xornada da Miteu no Auditorio Municipal do Concello de Vigo a partir das 21 horas.
Despois de, como pouco, 20 años voando, dous exiliados, Óscar e Bruna, agardan polo inicio dunha nova viaxe. Xuntos farán memoria e sacarán á luz os recordos que lles quedan sobre o país do que algún día foron fillos. Co vals do emperador como fondo, as familias de Nosa Señora das Nubes abrirán as portas da súa historia para que Óscar e Bruna descubran que non deixan de ser máis que unha lembranza, estranxeiros en todas partes.