DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores comezan as actividades para comemorar o 25 de novembro

Contra a violencia de xénero, acción e sensibilización

O obxectivo da iniciativa é continuar reivindicando a igualdade entre homes e mulleres

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 20/11/2012

O día 25 de novembro conmemórase o Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero. Como vén sendo tradición nos últimos anos, esta celebración converterase no campus de Ourense nunha escusa para desenvolver unha ampla programación encamiñada a sensibilizar á comunidade universitaria sobre esta problemática. Será tamén unha oportunidade para continuar avanzando na consecución dunha igualdade real entre homes e mulleres.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Roberto Bustillo, decano da Facultade de Dereito, foron os encargados de presentar as actividades que se desenvolverán desde este mércores e ata o vindeiro 5 de decembro. “Esta conmemoración sérvenos para lembrar que levamos moito camiño percorrido pero que aínda nos queda moito por percorrer. A violencia física e a psicolóxica aínda perviven na nosa sociedade e hai que seguir loitando para a súa erradicación”, apuntou María Lameiras durante a presentación dos actos programados.

Concepción Arenal

As actividades comezarán o mércores 21 de novembro coa celebración dunha homenaxe a Concepción Arenal. O acto, segundo explicou Roberto Bustillo, comezará co descubrimento dunha praca en lembranza da escritora e co nomeamento da aula magna da Facultade de Dereito co nome de Concepción Arenal. De seguido celebrarase unha mesa redonda sobre esta figura na que participarán María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Roberto Bustillo, decano da Facultade de Dereito; Inma Valeije, secretaria xeral da Universidade de Vigo; Anna Amorós, profesora da Universidade de Vigo; Zaza Ceballos, produtora de Zenit TV, e a actriz Isabel Naveira. Ás 19.45 proxectarase a película Concepción Arenal. A visitadora de cárceres, dirixida en 2012 por Laura Mañá.

“O recoñecemento da igualdade na Constitución de 1978 non xurdiu da nada. Antes houbo milleiros de mulleres e tamén de homes que co seu esforzo, traballo e sacrificio loitaron por un mundo mellor. Concepción Arenal é un deses exemplos”, destacou o decano da Facultade de Dereito de Ourense. Por este motivo animou a toda a comunidade universitaria interesada a que se sume a esta homenaxe a unha figura que no século XIX loitou “polos dereitos da muller, dos reclusos e das clases máis desfavorecidas”.

E moito máis

As actividades continuarán o día 27 de novembro coa presentación do documental Memoria e sexualidade das mulleres baixo o franquismo, a cargo da súa directora, Cecilia Montagut. A obra afonda na sexualidade da época “máis aló do modelo de muller inmaculada, nai e esposa do fogar promulgada pola ditadura”. O día 4 de decembro, tomaralle o relevo o documental Podrías ser ella, unha obra de Isabel Salgado na que denuncia a violencia de xénero a través de entrevistas e cancións de grupos musicais españois de relevancia.

Para pechar a programación, o día 5 de decembro celebranrase no campus de Ourense as II Xornadas de Educación e Violencia de Xénero. Sensibilizando. Organizada polo grupo de traballo Fiadeiras e pola Facultade de Ciencias da Educación, a iniciativa achegará experiencias de sensibilización en igualdade. As xornadas serán pechadas coa representación da obra A viaxe de Ana a cargo do grupo de Teatro Oprimida.