DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Teresa Peramato, fiscal e ponente nas segundas xornadas sobre esta temática inauguradas no campus:

“A violencia de xénero afecta ás sociedades de todos os países do mundo sen excepción”

Un libro recolle as ponencias presentadas na primeira edición desta iniciativa

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 25/11/2009

As II Xornadas de violencia de xénero comezaron a súa andaina no Edificio Politécnico baixo un tema común: a violencia sexual. Esta iniciativa desenvólvense os días 25 e 26 de novembro e 15 de decembro, e inclúen conferencias, mesas redondas e unha sesión de videoforum sobre esta problemática. O acto inaugural estivo precedido, neste día internacional contra a violencia de xénero, pola presentación do libro Violencia de xénero: perspectiva xurídica e psicosocial, que recolle as conferencias presentadas na primeira edición destas xornadas.
Miguel Lorente, delegado do Goberno contra a violencia de xénero, defínea como unha violencia moral ou por autoxustificación. “O agresor tenta facer valer as súas ideas e posición por riba dos da muller coa que comparte unha relación, á que considera unha especie de nivel inferior e ante a que actúa con violencia por considerar que debe impoñer unha orde alterada polas súas decisións, opinións ou ideas ás que, con frecuencia, ve como un ataque á súa autoridade”. Estas declaracións atópanse no prólogo do libro Violencia de xénero: perspectiva xurídica e psicosocial, unha obra que recolle as ponencias das I Xornadas sobre Violencia de Xénero organizadas pola Universidade de Vigo e que se celebraron no 2008.

A violencia de xénero dende unha dimensión xurídica e psicosocial

Antonio Dorado, vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial, destacou da publicación o feito de que aborda o fenómeno da violencia de xénero dende unha dimensión xurídica e psicosocial. Fernando Alañón, presidente da Audiencia Provincial de Ourense, pola súa banda, é o autor do capítulo dous do libro, no que expón algúns apuntes sobre o contido do artigo 416 da Lei de Enxuizamento criminal, “un dos artigos do Ordenamento Xurídico que máis insatisfacción produce entre os que operamos na Administración de Xustiza porque impide que a verdade material saia á luz e se castiguen comportamentos deleznables”, afirmou. Por iso defendeu unha “reforma en profundidade” deste precepto, “para evitar que determinadas situacións indesexables queden impunes”.
No acto de presentación do libro estivo tamén Teresa Peramato, fiscal delegada do Fiscal Xefe Superior de Madrid para a sección contra a violencia de xénero e autora dun artigo sobre A violencia de xénero e intrafamiliar no Dereito Penal español. A fiscal afirmou que a violencia de xénero “é un problema que afecta ás sociedades de todos os países do mundo sen excepción algunha”. Revelou que, no noso país, a maior parte da violencia prodúcese na contorna familiar, e na maior parte dos casos, dase en relacións de parella. A lei, segundo explicou, “pretende dar unha resposta multidisciplinar a este fenómeno” e pretende tamén “darlle un protagonismo á vítima, articulando medidas de protección para alonxala desa contexto de violencia”.

Achegarse á problemática dende unha perspectiva multidisciplinar e integradora

María Lameiras, profesora da Universidade de Vigo e co-autora do capítulo dedicado á Violencia de xénero: ideoloxía patriarcal e actitudes sexistas, xunto a outras docentes da área de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos, fixo fincapé na súa intervención na necesidade dun modelo educativo baseado na igualdade. E Inés Iglesias, profesora de Dereito Procesal e autora do artigo adicado á Tutela xudicial no ámbito da violencia de xénero: a promoción real do principio de igualdade, cualificou a publicación como “unha homenaxe ás vítimas”, e defendeu a necesidade de achegarse a esta problemática dende unha perspectiva “multidisciplinar e integradora, que nos permita ver as múltiples caras que configuran a realidade da violencia de xénero”.
Tras a presentación do libro tivo lugar o acto inaugural das II Xornadas de violencia de xénero, dedicadas á violencia sexual. No seu transcurso Antonio Dorado, vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial, fixo referencia ao Observatorio da Violencia de Xénero creado polo CXPX no ano 2002 e á Lei de medidas de protección integral contra a violencia de xénero do ano 2004 para subliñar que, aínda que queda moito camiño por percorrer, “as vítimas están razoablemente satisfeitas do traballo realizado”. Aportou cifras, como as 126 mil denuncias por malos tratos do ano 2007 e as 142 mil do ano 2008. No primeiro semestre do 2009 o número de denuncias superou as 68 mil, “un 0,04% menos que no segundo semestre do ano 2008, máis de 71 mil denuncias”, declarou. Tamén revelou que nos últimos catro anos foron máis de 112 mil as persoas condenadas por estes delitos, e amosou os resultados dunha enquisa feita aos xuices de violencia e que pon de manifesto a necesidade dunha formación especializada nesta temática.

A violencia sexual, eixo das II Xornadas de violencia de xénero

Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do campus de Ourense, lembrou que son xa 50 as vítimas de violencia de xénero neste ano, e subliñou a importancia que xoga a educación para erradicar esta problemática. Marta Arribas, concelleira de Igualdade do Concello de Ourense, explicou que dende as administracións úblicas trabállase intensamente na sensibilización e na concienciación desta problemática, e animou a que estas xornadas se convertan “nun espazo de encontro, intercambio e debate para estudar a violencia de xénero dende diferentes ámbitos profesionais”.
Estas II Xornadas de violencia de xénero desenvolveranse os días 25 e 26 de novembro e 15 de decembro. Inclúen a celebración de dúas mesas redondas, unha sobre a violencia sexual nas relacións de parella e a outra sobre a proba pericial na violencia sexual. Tamén haberá unha sesión de videoforum sobre o cine e a violencia sexual. A conferencia de clausura, o día 15 de decembro, correrá a cargo de Miguel Lorente, delegado do Goberno para a violencia de xénero, que falará sobre as accións e reaccións contra a violencia de xénero: a violencia sexual.