DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alejandro Gómez, director do Curso de Protección para as Vítimas de Violencia de Xénero da Xunta de

“Se a violencia de xénero fose un virus, estariamos ante unha pandemia”

No penúltimo relatorio do ciclo de conferencias que promove a Unidade de Igualdade da Universidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Iolanda Fernández DUVI 06/11/2013

Nos últimos 10 anos puxéronse en España 1.500.000 denuncias por violencia de xénero, unha cifra que non se corresponde coa realidade social existente xa que, segundo Instituto Nacional de Estatística, só o 10% das mulleres afectadas denunciaron esta situación. Dende o 2003 ata actualidade faleceron asasinadas a mans das súas parellas 700 mulleres, neste mesmo período, preto de 2.000.000 sufriron nalgún momento das súas vidas ou seguen a sufrir hoxe en día agresións físicas ou psicolóxicas por parte das súas parellas sentimentais. Mais, “non debemos esquecer que, agora mesmo en todo o Estado, están a soportar este tipo de violencia arredor de 400.000 mulleres”, subliñou este mércores o director do curso de Protección para as Vítimas de Violencia de Xénero promovido pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Alejandro Gómez, nunha conferencia impartida na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

“Se a violencia de xénero fose un virus, estariamos ante unha pandemia”, explicou Gómez ante o alumnado dos graos en Educación Infantil e Primaria. Para este experto universitario en violencia de xénero, un home pode exercer sobre unha muller violencia física, verbal, xestual e incluso violencia cos propios obxectos. Con todo, “cómpre distinguir moi ben entre unha discusión de parella e un acto violento”, destacou o policía nacional durante a súa intervención ao abeiro do ciclo de conferencias Diferentes manifestacións da violencia de xénero que organizan conxuntamente os profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Mari Lires e Xabier Álvarez, e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. Para Alejandro Gómez o límite do que antes se falaba crúzase “xusto nese intre no que a muller sente medo e teme pola súa integridade física”.

Cando comeza todo?

Un dos puntos tratados ao longo desta conferencia e o que á súa vez espertou un maior interese entre o alumnado, maioritariamente de sexo feminino, foi a evolución que se produce no que Alejandro Gómez definiu como “proceso de maltrato”. Se ben os comezos destas parellas son aparentemente similares ao resto, pouco a pouco o home vai creando unha situación de convivencia na que el é quen domina á muller illándoa por completo da familia e da súa contorna. A segunda fase deste proceso sería o que este policía nacional denomina “acumulación de tensión”, momento no que a muller ten a crenza certa de que poder ser atacada. Sen embargo, as agresións físicas chegan coa “explosión violenta”, uns actos que as súas parellas xustifican en base ao seu carácter, problemas no traballo ou simplemente dicindo que o seu mozo ou home estaba bébedo, asegurou Gómez. Despois da tormenta chega a calma e dá comezo a etapa de reconciliación ou “lúa de mel”, un período de tempo moi breve no que o maltratador só pretende conseguir o perdón da súa vítima e silenciar todo o acontecido. “O problema é que este ciclo sempre vai a máis e consegue destruír ás mulleres aos poucos deixándolles secuelas psicolóxicas importantes, concluíu.

Existe un perfil tanto de maltratador coma de vítima?

Erroneamente, a sociedade actual interiorizou que existe un determinado perfil de maltratador e tamén de vítima de violencia de xénero cando iso realmente non é así segundo expón o colaborador habitual da Secretaría Xeral de Igualdade dependente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alejandro Gómez. Con todo, hai estudos que inciden na posibilidade de que sexan máis propensos a exercer este tipo de violencia ou a sufrila aquelas persoas que na súa infancia sufriron malos tratos ou viviron nunha contorna violenta “aínda que isto non é un indicador válido nin unha constante en todos os casos”, subliñou.

Non confundir coa violencia doméstica nin coa machista

Antes de comezar coa súa conferencia Alejandro Gómez convidou aos estudantes de Ciencias da Educación e do Deporte a reflexionar sobre o que eles mesmos entendían por violencia de xénero e as diferenzas e similitudes que existían con outros termos coma violencia doméstica ou violencia machista. Para o relator, resultou moi curioso que os mozos e mozas non fosen quen de diferenciar estes tres conceptos. Despois dun intenso debate, tanto o conferenciante coma o alumnado concluíron que a violencia de xénero era “todo aquel feito violento que un home exercer sobre unha muller que é ou foi nalgún momento a súa parella”. Por outra banda estaría a violencia doméstica, familiar ou intrafamiliar, definida como “aqueles malos tratos ou agresións físicas, psicolóxicas ou sexuais infrinxidas por persoas do medio familiar e dirixida aos membros máis vulnerables da mesma: nenos, mulleres e anciáns”. E, xa por último, quedaría a violencia machista que, ante o asombro de moitos dos estudantes, é que exerce unha muller contra unha nena polo simple feito de ser iso, unha nena.