DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será o xoves 16 de decembro, ás 20.00 horas, no Edificio de Ferro

O violinista Ara Malikian interpretará os '24 Caprichos de Paganini' no concerto de Nadal

O intérprete libanés está considerado un dos violinistas máis expresivos e innovadores da súa xeraci

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 07/12/2010
Chega o Nadal e con el o campus de Ourense prepárase para celebrar unha das súas citas tradicionais nestas datas, o concerto de Nadal. Este ano o artista convidado é o violinista libanés Ara Malikian, que presentará en Galicia o seu espectáculo 24 Caprichos de Paganini. Será o xoves 16 de decembro, ás 20.00 horas, no Edificio de Ferro e están convidados a asistir os membros da comunidade universitaria e a cidadanía que o desexe, ata completar aforo.

Ara Malikian, de ascendencia armenia, está considerado un dos intérpretes máis orixinais e innovadores do panorama musical, destacando polo seu estilo propio, forxado a partires das súas orixes e das súas vivencias musicais. Na linguaxe tan persoal que o caracteriza danse a man o virtuosismo e a expresividade da gran tradición clásica europea e a inquedanza pola asimilación de músicas doutras culturas, como as do Medio Oriente, Centro Europa, Arxentina e España.

Na liña da gran tradición clásica europea, Malikian interpretará en Ourense os 24 Caprichos para violín solo que compuxo Niccoló Paganini entre 1801 e 1807 e que constitúen unha obra musical de referencia. Paganini é considerado un dos mellores violinistas de todos os tempos, existindo a lenda de que era tan perfecta a súa técnica que os seus coetáneos chegaron a pensar que estaba baixo o influxo do diaño. En consonancia coas súas excepcionais capacidades interpretativas, Paganini compuxo 24 Caprichos, unha das pezas máis difícil de executar para un violinista.

Violinista desde os 12 anos

Malikian iniciouse no violín moi cedo de man de seu pai e deu o seu primeiro concerto con 12 años. Dende entón como solista ten actuado en máis de corenta países e a súa calidade como violinista foi recoñecida en numerosos concursos de prestixio internacional, entre os que destacan os premios obtidos nos concursos Felix Mendelssohn (1987, Alemaña); Pablo Sarasate (1995, España); Niccolo Paganini e Rodolfo Lipizer (Italia); Zino Francescatti e Rameau (Francia); International Artist Guild (USA), e International Music Competition (Xapón). En 1993 recibiu o Premio á Dedicación e o Cumprimento Artístico do Ministerio de Cultura de Alemaña.

Na súa traxectoria tamén destaca o seu especial esforzo en achegar a música, tanto clásica como non clásica, a todos os públicos. Así creou As Miñas Primeiras Catro Estacións, unha versión dramatizada das Catro Estacións de Vivaldi que se representou en diferentes lugares de España, e en 2009 estreou o espectáculo familiar Contos do Mundo. Armenia.

Peche da Intercultural

Con este concerto A Intercultural pecha o seu programa de actividades de 2010. A través de accións centradas no ámbito audiovisual, musical, escénico e divulgativo, ao longo deste ano desenvolveu unha ampla programación cultural que tentou ofrecer á comunidade universitaria en aos ourensáns en xeral diferentes respostas á pregunta Que está pasando aí fóra? O cine documental de autora ou o alzheimer a través da experiencia de Pasqual Maragall foron algúns dos seus protagonistas. En 2011, máis.