DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Constantino Cordal, Xulio Pardellas e Celso Cancela publican ‘Política e economía da Unión Europea’

Unha visión multidisciplinar da UE abarcable nun cuadrimestre

O volume concibiuse como material de apoio da materia do mesmo nome do Grao en Dirección e Xestión

Etiquetas
  • Pontevedra
Mª del Carmen Echevarría DUVI 17/01/2017

Tres meses investiron os docentes e investigadores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Constantino Cordal, Xulio X. Pardellas e Celso Cancela en publicar Política e economía da Unión Europea, un volume que ten o obxectivo, en palabras dos seus autores, de “ofrecer una visión breve, pero con rigor, do funcionamento da Unión Europea desde unha perspectiva multidisciplinar, que implica o enfoque político e institucional, unido ao encadramento económico, coa finalidade de facilitar os elementos e claves básicas para comprender e interpretar as principais actuacións comunitarias”. O volume organízase en dúas partes: unha primeira centrada na historia do proceso de constitución e as institucións comunitarias como instrumento fundamental de Europa e unha segunda, que se ocupa da definición e análise dos principios de intervención nos mercados, o desenvolvemento rexional, actuacións sobre aspectos sociais e de política exterior e a construción da unión monetaria e o orzamento comunitario. O libro, que este mediodía foi presentado na Casa das Campás, nun acto no que participaron, ademais dos autores, o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho e o decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Xosé Manuel Baamonde, foi editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo.

A necesidade de contar con material de apoio básico para o desenvolvemento das aulas da materia Política e Economía da Unión Europea no Grao de Dirección e Xestión Pública, impulsou aos docentes e investigadores a publicar este volume “concibido para a duración da materia. Esta é precisamente unha nota diferenciadora con respecto a outras publicacións, que son dificilmente abarcables nun cuadrimestre”, explican Cordal e Cancela, que se ocuparon da parte política, mentres que Pardellas se encargou da económica. O libro, orientado a aquelas lectoras e lectores que desexen acceder a uns coñecementos básicos sobre o proceso de integración e a Unión Europea, tamén ofrece a aquelas persoas que desexen afondar nesta materia, referencias bibliográficas, tanto no referido ao aspecto político, como ao económico.

Un anexo sobre os impactos do Brexit

A recente saída do Reino Unido da Unión Europea aparece recollida nun anexo da publicación. Un feito, que xunto á entrada en vigor do Tratado de Lisboa en 2009, os autores consideran o fito máis relevante na historia da UE, “pois racha unha inercia á integración. É seguro que se van producir efectos político-institucionais, xa que o Reino Unido e, en consecuencia, os seus votos, deixarán de computar nas institucións da UE e isto vai alterar equilibrios e alianzas tecidas, nalgúns casos, dende a década dos setenta”, explican.

Sen dúbida, o Brexit e en consecuencia as negociacións con Reino Unido, é un dos grandes retos que nun futuro próximo enfrontará a Unión Europea, que tamén deberá, en opinión de Cordal, Pardellas e Cancela, fixar as pautas xerais da relación coa nova administración estadounidense encabezada por Donald Trump e, en particular avanzar nas negociacións do Tratado Transatlántico de Comercio e Investimentos (TTIP). “Así mesmo tamén deberá atender a situación en Siria e Ucraína, o que supón conducir as relacións coa Rusia de Putin”, prevén os docentes.