Reuniuse co reitor e o seu equipo de goberno
Visita ao campus do director da Axencia Estatal de Investigación, Domènech Espriu
Tamén mantivo unha xuntanza con responsables de diferentes centros de investigación
Apenas un mes despois da visita ao campus do ministro de Universidades Joan Subirats, o reitor, Manuel Reigosa, e o seu equipo de goberno tiveron este mércores a oportunidade de manter unha nova xuntanza, neste caso co máximo responsable da Axencia Estatal de Investigación, Domènech Espriu, quen aproveitou esta visita á Universidade de Vigo para manter tamén un encontro, acompañado da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, con representantes dos diferentes centros de investigación (CIM, CINBIO, atlanTTic…), directores de área (Transferencia, Vigo Tecnolóxico, Internacionalización…), e a Escola Aberta de Formación Permanente, entre outros.
Organismo adscrito ao Ministerio de Ciencia e Innovación, a Axencia Estatal de Investigación é a entidade encargada de xestionar a maior parte das convocatorias de subvencións do Plan Estatal de I+D+i e a máxima responsable de xestionar e promover a excelencia da investigación española. Entre os seus obxectivos atópase a promoción da investigación técnica e científica en todas as áreas de coñecemento a través da asignación competitiva de recursos públicos, o seguimento das accións financiadas e o seu impacto, o asesoramento na planificación de acción e iniciativas dos plans e políticas nacionais de I+D.