DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os vigueses perderon 24-19

A visita do Universidade Ednon Vigo ao campo do Barcelona sáldase cunha derrota

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 09/11/2009

24-19 foi o resutado final do encontro que este domingo enfrontou no campo da Teixonera ao FC Barcelona e ao Universidade Ednon Vigo. Un partido con dúas partes moi diferenciadas no xogos dos vigueses que si chegaron na primeira metade a ir perdendo por 24-7, lograron na segunda remontar cinco puntos ata acadar os 19 cos que finalizou o encontro. O equipo vigués ademais de acusar o cansanzo producido pola viaxe realizada en autobús á cidade condal, xogou parte do encontro cun home menos trala expulsión de Leonardo Bulacio
Tras esta derrota o equipo universitario sitúase na cuarta praza da clasificación da División de Honra B con 11 puntos, unha renda que intentarán incrementar a vindeira xornada na súa visita ao campo de Hernani, actual líder da categoría.

23 inscricións no curso de iniciación ao rugby

23 estudantes participan desde hoxe no curso de iniciación ao rugby organizado polo Servizo de Deportes da Universidade de Vigo. Este mediodía comezaron as sesións nas que Aníbal Babini, adestrador do Ednon Universidade de Vigo impartirá dúas charlas técnicas nas que o alumnado aprenderá as normas básicas deste deporte e practicará diferentes xogadas como as posicións fixas e móbiles, as técnicas de defensa e a iniciación ao xogo aberto, entre outras. Para rematar o curso e poñer en práctica os coñecemtos adquiridos, os participantes xogarán un torneo de rugby a sete onde competirán pola vitoria. O curso desenvolverase no campo de herba sintética do campus de Vigo en horario de 14.00 a 17.00 horas.

Adestramentos para os cativos

E se o estudantado universitario ten ocasión desde este luns de entrar en contacto co mundo do rugby , os cativos comezarán este vindeiro sábado os adestramentos no campo de rugby do campus. Os nenos e nenas que queiran participar deberán ir acompañados polos pais ou responsables e levar equipamento deportivo e zapatillas de deporte. Caso que as condicións meteorolóxi cas sexan moi adversas os adestramentos trasladaríanse ao pabillón universitario.