DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A equipa feminina continúa descendendo ao perder contra o CB Airexa Nigrán

Vitoria para o Campus Universitario fronte ao Canteiras por 70-66

Os xogadores de xadrez foron derrotados por 0,5-3,5

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 20/04/2009
Tan só restan tres xornadas para rematar a tempada de baloncesto, dúas no caso da equipa feminina, polo que os resultados da liga xa están practicamente decididos. Agora os partidos son moito máis relaxados e parece que iso fai que os xogadores do Campus Universitario se sintan con máis forzas para gañar, como sucedeu no encontro desta fin de semana. Enfrontábanse contra o Canteiras de Porriño, quinto clasificado da táboa, e tras un partido moi igualado finalmente os de Ourense conseguiron impoñerse no marcador por 70-66 puntos. “Foi un partido moi bonito polo disputado que estivo, ademais o xogo foi rápido e dinámico”, explica o adestrador, Javier Pérez. Durante case todo o encontro os do Campus Universitario estiveron por riba no marcador, mantendo amplas vantaxes, “agás ao final que os contrarios metéronnos un parcial 6-0”, sen embargo, “non vimos en perigo o partido en ningún momento”. Con esta vitoria sitúanse no oitavo posto da clasificación empatados a puntos cos xogadores do Centro Óptico Xove.
No tocante á equipa feminina a sorte non é a mesma, senón todo o contrario; continúan acumulando derrotas nunha tempada que xa non ten solución. No último encontro as xogadoras enfrontáronse contra o CB Airexa Nigrán cun resultado negativo de 47-52 puntos. Tras esta nova derrota seguen a descender na clasificación situándose neste momento no duodécimo posto, o penúltimo da táboa.

Próxima xornada

O equipo masculino enfrontarase ao CB Allariz o sábado 25, nun encontro que se presenta como o derbi de baloncesto da provincia. No partido de ida o Campus Universitario conseguiu a vitoria por moi poucos puntos de diferencia, polo que este novo encontro “semella complicado, aínda que sairemos con ganas e tentaremos facelo o mellor posible”, comenta Pérez. O partido será ás 19.00 horas no Pavillón Instituto Allariz, “un terreo de xogo complicado pola gran cantidade de persoas que acoden aos encontros”. O adestrador aposta por “deixar a tensión de lado e ter a cabeza fría, o equipo que o consiga tamén levará a vitoria”.
Pola súa banda a equipa feminina enfrontarase, no que será o penúltimo encontro da tempada, ao Aviva Lourenzá, oitavo clasificado da táboa. A cita será o domingo 26 ás 12.00 horas no Pavillón Municipal de Lourenzá.

Xadrez universitario

Para o xadrez universitario tamén vai rematando a tempada. A desta fin de semana foi a penúltima xornada e non deixou un bo sabor de boca para os xogadores do Universitario Ourense que perderon contra o Peña Recreativa-Pera por 0,5-3,5; “un resultado moi malo, semella que todos os astros se puxeron na nosa contra”, explica Lino Hermida, capitán do equipo. Sen embargo, a pesar das contrariedades, Hermida agarda que se poidan manter nesta categoría, “estamos no posto número 12 da clasificación e tan só queda un encontro”.
A décimo terceira e última rolda da tempada disputarase este sábado ás 17.00 horas en Vigo, onde o Universitario Ourense se enfrontará ao Alekhine-Correduría Tempu, “un equipo similar a nós, polo que agardamos quedar en boa posición”, concluíu Hermida.