DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vitoria para o Campus Universitario masculino ante o Centro Óptico Xove por 72-58

O derbi universitario de xadrez saldouse cunha derrota para o equipo ourensán

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 02/03/2009

A pesar das dificultades, o Campus Universitario masculino de baloncesto logrou gañar o encontro desta fin de semana cun bo resultado. O partido caracterizouse polo axustado do marcador durante case todo o tempo de xogo, pero finalmente os ourensáns lograron impoñerse ante os xogadores do Centro Óptico Xove por 72-58. A distancia no resultado non reflicte a complexidade do encontro, xa que “tivemos dificultades pero ao final logramos sacalo adiante”, comentou o adestrador Javier Pérez. No segundo e terceiro cuartos ambos equipos ían empatados e non foi ata o último cuarto “cando logramos unha vantaxe de 11 puntos que nos permitiu relaxarnos”. Tras esta vitoria sitúanse no undécimo posto da táboa con 29 puntos.
No tocante á equipa feminina, esta foi unha fin de semana de descanso. Polo momento sitúanse no oitavo posto da clasificación, cun balance de 10 derrotas e 6 vitorias.

Próximos encontros

O Campus Universitario masculino enfrontarase este sábado día 7 ao penúltimo clasificado da liga, o Compañía María Asesoría Espiñeira, que leva acumuladas cinco derrotas consecutivas. Con todo, o partido preséntase complicado, xa que “os contrincantes tentarán romper a súa mala racha e ascender na clasificación”. O encontro xogarase no Pavillón Compañía María en Santiago de Compostela ás 19.00 horas.
Pola súa banda, a equipa feminina enfrontarase na xornada número 19 ao Pabellón Ourense, equipo situado no duodécimo posto da táboa. O derbi ourensán xogarase este próximo domingo día 8 de marzo ás 16.30 horas no Polideportivo O Pompeo.

Derrota para o equipo de xadrez

O derbi universitario de xadrez saldouse cunha derrota para o equipo Universitario Ourense, que caeu ante os de Vigo por 1,5 - 2,5. Aínda así, o seu capitán Lino Hermida non se amosa de todo descontento co resultado, xa que “se trataba dun encontro complicado e non quedamos tan mal, perdemos por un punto”. Tras esta derrota sitúanse no décimo posto da clasificación, con tan só catro equipos por debaixo súa e cun total de 10,5 puntos, a metade que o Universidade de Vigo, segundo clasificado da liga.
O contrincante da seguinte rolda, a oitava no que vai de competición, será o Karpov Amateur, “un equipo forte que de seguro nos traerá complicacións”, indicou Hermida. O encontro será na ludoteca do Edificio de Ferro ás 17.00 horas.