DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo universitario atópase a medio punto do liderado a falta de tres xornadas

Unha vitoria en Chantada mantén vivas as opcións da EXP-UVigo de conseguir o título autonómico

A vindeira fin de semana mídese en Pontevedra a un dos equipos que encabeza a táboa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 02/05/2023

A falta de tres xornadas para o remate da competición autonómica, o primeiro equipo da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo mantén vivas as súas opcións de alzarse co título de campión galego tras derrotar esta fin de semana na súa casa ao Círculo Chantadino (2,5-3,5). A pesar de caer ao terceiro posto da táboa tras este resultado, o Xadrez: Estratexia pola Paz atópase a só medio punto dos dous equipos que comparten o liderado da División de Honra, o Benchosey de Pereiro de Aguiar e o Xadrez Fontecarmoa de Vilagarcía, ao que se medirá a vindeira fin de semana na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Tras a oitava rolda de competición, o equipo universitario suma un total de 31,5 puntos, situándose a medio tanto dos dous equipos que lideran a táboa.

Nunha xornada decisiva para manterse na loita polo título, o equipo pontevedrés visitaba o campo dun equipo que ten nas súas filas aos grandes mestres Aleksa Strikovic e Vladimir Petkov, así como a tres internacionais portugueses, e facíao ademais coas baixas de Daniel Rivera e Víctor Miguel, que foron suplidos polos xogadores do filial Juan Manuel Martínez e Rodrigo Fernández. O enfrontamento arrancou coas táboas entre Rubén Fernández e o búlgaro Petkov e, acto seguido, o equipo de Chantada cobraba a primeira vantaxe no taboleiro no que competía Rodrigo Fernández. A continuación, Juan Manuel Martínez devolvía a igualdade ao marcador, pero Alberto Portela non podía co serbio Strikovic, polo que os universitarios non podían fallar nos dous taboleiros restantes. Neste treito final, chegaron as vitorias dos dous xogadores que máis puntos conseguiron ata o de agora no equipo universitario. Por unha banda, o capitán, Pablo García, superou a un dos xuvenís máis prometedores de Portugal, Pedro Gil, e, por outra, David Sobrino derrotaba ao veterano Paulo Pinho, confirmando a vitoria pola mínima do conxunto visitante. 

Sete equipos debutan na Cuarta División

Fóra da División de Honra, tanto o EXP-Ramón Escudeiro Tilve, de Primeira División, como o EXP-Non á violencia de xénero, de segunda, caeron derrotados nunha fin de semana marcada polo arranque da competición na Cuarta División. Conformada por dúas únicas xornadas, o equipo pontevedrés está representado no grupo Pontevedra Norte desta categoría por sete equipos, nos que compiten 35 novos e novas xadrecistas. A competición arrancou en Vilagarcía de Arousa, coa disputa das primeira catro roldas do torneo e pecharase na sede da Escola Xadrez Pontevedra o 13 de maio.