DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Contundente vitoria do equipo de baloncesto, 47-72, ante o Cruz Alta

A vitoria do Universidade ante o Padrón e a derrota do Marcote, aumentan a vantaxe dos vigueses á fronte da Liga Galega de Xadrez

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 16/03/2009

Cando restan dúas roldas para o remate da fase regular da Liga Galega de División de Honra, o Universidade de Vigo de xadrez consolida o seu primeiro posto, cunha vantaxe de dous puntos sobre o Marcote e Alexandre Bóveda.
No partido da fin de semana ante o Padrón A, o Universidade logrou un claro 5 a 1 con vitorias de Manuel Pena, Francisco Carrera, Benito Sánchez e Avelino Leirós e empates dos mestres internacionais Rafa Rodríguez e Pablo García.
Unha vitoria que sumada ao empate acadado polo Marcote en Ferrol, permitiu ao Universidade aumentar a súa vantaxe á fronte da Liga Galega de Xadrez, cando quedan 12 puntos en disputa. Así as cousas o equipo vigués non descarta sentenciar o vindeiro sábado no partido que disputarán ante o Círculo Ferrolá de Xadrez. O encontro que se disputará a partir das 17.00 horas na sala de xadrez do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo, será retransmitido en directo a través da páxina web: www.webs.uvigo/xadrez.

O equipo de baloncesto gañou con autoridade

Por un contundente 47-72 impúxose o Universidade de Vigo ao Cruz Alta na xornada 23 da Liga F.G.B Senior Masculina. Cando xa discorreron 22 xornadas da competición o equipo que adestra Cristina Alonso, é quinto na clasificación, con 36 puntos, a cinco do líder da categoría, o Mos Noribérica.
A semana preséntase intensa para o Universidade que terá partidos o xoves e o domingo. O día 19 xogará, a partir das 18.30, no pavillón Santa Icía co Baloncesto Narón o partido que tivo que ser aprazado o pasado mes de xaneiro polo mal tempo, e o domingo recibirá ao C.B. Arteixo, na xornada 24 da liga.