DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desigual sorte para os equipos do campus de Ourense nos encontros disputados a fin de semana

Vitorias en baloncesto pero derrotas en rugby

Os xogadores sénior gañaron 77-46 ao Club Deportivo Recimil

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 12/11/2012

Esta fin de semana os equipos de baloncesto e de rugby do campus de Ourense disputaron os seus encontros de liga con desigual sorte no resultado. Os conxuntos de baloncesto sénior, tanto na categoría masculina coma feminina, acadaron cadansúa vitoria nos partidos que disputaron, respectivamente, contra o Club Deportivo Recimil e contra o Porriño Bto Base Canteiras Grupo Pescanova. Pola súa banda, os xogadores e as xogadoras de rugby perderon os seus partidos a pesar do bo xogo amosado no campo.

O Universitario Campus de Ourense disputou o domingo o seu encontro correspondente á sexta xornada da 1ª división sénior masculina contra o Club Deportivo Recimil. Os xogadores ourensáns conseguiron unha clara vitoria e un marcador final de 77-46 puntos. Este resultado sitúa ao conxunto adestrado por Toni Garda nun sétimo lugar na clasificación, con cinco partidos xogados, tres derrotas e dúas vitorias. Despois de comezar a tempada nos últimos postos da táboa, o equipo universitario agarda consolidar a posición acadada agora a vindeira xornada de liga, onde se enfrontará ao Porriño Baloncesto Base.

Precisamente o Universitario Campus de Ourense sénior feminino disputou este sábado o seu encontro de liga contra o Porriño Bto Base Canteiras Grupo. As xogadoras ourensás acadaron unha axustada vitoria de 59-60 puntos que as sitúa nesta cuarta xornada no segundo posto da competición, estando empatadas a partidos co primeiro clasificado, o Compañía de María. O conxunto adestrado por Adrián Álvarez agarda recuperar no vindeiro encontro de liga contra o Arxil Mafari Café o liderado da 1ª división autonómica.

Satisfacción a pesar de perder

No que respecta ao rugby, o equipo sénior do Campus Ourense Rugby colectou a súa segunda derrota de liga ao perder contra os Ingleses de Vilagarcía por 38-25. Segundo explican fontes do club, o partido foi máis igualado do que reflicte o marcador e a pesar de encaixar un ensaio na primeira xogada do encontro, os ourensáns marcaron o ritmo dos primeiros 40 minutos cun xogo directo que facía dano á defensa local. “No comezo da segunda metade sufrimos unha pequena crise que foi aproveitada polos Ingleses para distanciarse no marcador. Os xogadores do Campus Ourense non baixaron os brazos e pelexaron ata o último intre para levarse o partido, pero un cuarto ensaio dos locais e un golpe de castigo transformado nas derradeiras xogadas do encontro fixeron imposible a remontada”, destacan desde o equipo.

Pola súa banda, as xogadoras sénior tamén sufriron unha derrota, nestes caso contra o Universidade de Vigo por 10-17. “Foi un encontro moi emocionante, no que durante os 80 minutos ambos equipos estaban moi igualados. A pesar da derrota tanto as xogadoras coma os adestradores estamos moi contentos co traballo realizado. Este equipo segue mellorando en cada adestramento e iso vese reflectido logo no terreo de xogo”, subliña a xogadora Rebeca Otero. A vindeira fin de semana o conxunto ourensán desprazarase á Coruña para xogar contra o Zalaeta.