DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así se acordou nunha reunión entre Concello, Universidade, Cámara de Comercio e Zona Franca

O viveiro de empresas vinculado ao Campus Crea construirase na Barca

Será un edificio de oito plantas, ático e dous baixos que se prevé comece a funcionar a mediados de

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 22/07/2014

O viveiro de empresas temático vertebrado arredor do Campus Crea construírase nun solar municipal na rúa A Barca, un lugar “idóneo” pola súa centralidade e facilidade de conexión co campus pontevedrés, fronte a outras alternativas menos operativas como o Polígono Industrial do Campiño. Así se acordou nunha reunión celebrada este martes entre representantes do Concello de Pontevedra, a Universidade de Vigo, a Cámara de Comercio e o Consorcio Zona Franca de Vigo, principais impulsores dun proxecto que, segundo apuntou o reitor tras o encontro, se busca que estea funcionando a mediados de 2015 e que estará directamente ligado ás áreas de especialización do campus: arte, comunicación e creatividade; deporte, saúde e benestar; educación, innovación social e xestión, e contorna e natureza.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que o Concello cederá un solar municipal de 850 metros cadrados na Barca para a construción do edificio que albergará o viveiro e, ademais de pór os terreos, farase tamén cargo da licitación da obra. Do financiamento, que podería alcanzar a cifra dun millón de euros, encargarase a Cámara de Comercio, a través de fondos europeos Incyde, e a Zona Franca. A explotación e xestión do viveiro correrá a cargo da Universidade e a Cámara.

Acollerá 20 iniciativas empresariais

A previsión é que o futuro viveiro acolla unhas 20 iniciativas empresariais que poderán beneficiarse, segundo se acordou este mércores, dun edificio de oito plantas, ático e dous baixos, xa que a idea, segundo subliñou Salustiano Mato, é ofrecer toda unha serie de servizos que van moito máis aló da creación de espazos para emprendedores e que incluirían toda unha serie de programas de mentoring e aceleración, unha carteira de investidores ou, transcorrido certo tempo de rodaxe, un centro de negocios. Será, a xuízo do reitor vigués, un espazo, do que poderán gozar tanto o alumnado como os docentes e investigadores do campus e que axudará ao desenvolvemento económico da cidade. Será pois, ao seu modo de ver, o primeiro produto ‘real’ do Campus Crea.

En setembro presentarase o plan de necesidades específicas

A estrutura definitiva do inmoble definirase nunha xuntanza a mediados do mes de setembro e será entón cando a Universidade presente o plan de necesidades específicas do edificio, un programa no que se especifiquen en detalle os espazos que se necesitan e os contidos que se levarán a cabo en cada un deles.

O novo viveiro foi bautizado como CREA S2i, Centro responsable para emprendedores en actividades de innovación social e sostible, e está concibido como un centro de alto rendemento para a innovación social e a internacionalización, un espazo no que, segundo explicaron os promotores, se asociará a innovación promovida polos emprendedores á internacionalización das empresas, co obxectivo de acadar unha maior competitividade para o tecido produtivo interrexional.

A fórmula xurídica e o orzamento definitivo aínda están por definir e, no relativo aos ingresos da futura explotación, a previsión é que haxa unha evolución positiva que avance desde os 528.600 que se prevén para 2015 ata máis de 1.500.000 no horizonte 2020.