DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo realizado desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

As vivendas de uso turístico supoñen a metade dos establecementos de aloxamento da provincia de Ourense

O prezo, a fácil reserva e a localización son factores determinantes na elección dos turistas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
DUVI Ourense 02/02/2022

Un equipo multidisciplinar da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense realizou un estudo de análise do mercado de aloxamento turístico da provincia de Ourense “na era do turismo dixital e das plataformas peer to peer (P2P)”. Na súa radiografía do sector destacan que as vivendas de uso turístico supoñen xa a metade dos establecementos de aloxamento da provincia de Ourense.

No proxecto, beneficiario da convocatoria de axudas a grupos de investigación do Campus de Ourense Inou 2021, financiada pola Deputación de Ourense, participaron por parte do Departamento de Organización de Empresas e Mercadotecnia Pablo de Carlos Villamarín (coordinador do estudo), Trinidad Domínguez, Mª Lorena Rodríguez e Diego Rodríguez-Toubes, e por parte do Departamento de Estatística e Investigación Operativa Ana Pérez (coordinadora tamén do estudo), Manuel Alfredo Mosquera e Tomas R. Cotos. As e os investigadores da Uvigo analizaron a evolución recentemente da oferta e dos novos patróns de conduta da demanda nun contexto de irrupción do fenómeno das vivendas turísticas e de uso turístico e levaron a cabo unha análise estatística, de datos composicionais, deste mercado. A investigación central do proxecto baseouse na explotación de dous tipos de datos: secundarios, fundamentalmente bases de datos proporcionadas por organismos oficiais como a Axencia de Turismo de Galicia e o Instituto Galego de Estatística, e primarios, obtidos a través dunha enquisa en liña a 159 turistas. 

O estudo feito e os resultados obtidos, indica o equipo responsable, “contribúen a unha mellor comprensión da situación actual e das dinámicas recentes que están afectando ao mercado de aloxamento turístico da provincia de Ourense, así como dos factores que determinan as eleccións de aloxamento dos turistas, en especial aquelas relacionadas coas novas alternativas de aloxamento, as vivendas de uso turístico, ligadas ás plataformas P2P”. Así, salientan, o proxecto permitiu acadar “un diagnóstico bastante completo do mercado de aloxamento turístico da provincia” e “pode axudar a que os axentes turísticos, tanto públicos como privados, melloren a súa toma de decisións”.

362 vivendas de uso turístico en 2020 

Na diagnose realizada, as e os investigadores sinalan que “a oferta de aloxamento evolucionou e se diversificou nos últimos anos, especialmente coa proliferación de vivendas de uso turístico nas distintas comarcas, que veñen a satisfacer os novos patróns de conduta dos turistas dixitais ou a desigual distribución comarcal dos distintos tipos de aloxamento”. Segundo detallan no estudo, na actualidade dispóñese na provincia dun total de 12.517 prazas de aloxamento de diferente tipo, o que supón un crecemento do 154,88% respecto ao ano 2003. Entre elas, as vivendas de uso turístico viven “un aumento exponencial do seu número: de 97 establecementos (601 prazas) en 2018, pásase a 210 en 2019 (1.166 prazas) e a 362 en 2020 (1.942 prazas), o que supón un crecemento do 273,20% (do 223,13% en canto a prazas) entre 2018 e 2020”. Deste xeito, subliñan as e os investigadores, “as vivendas de uso turístico supoñen en 2020 a metade dos establecementos de aloxamento da provincia de Ourense e máis do 15% das prazas”. Ademais, engaden, aínda que Ourense é a provincia galega que “presenta o grao de penetración deste tipo de establecemento máis baixo de Galicia”, a cidade de Ourense é a cidade galega na que dito indicador alcanza un valor máis alto (o 35,5% das prazas de aloxamento da capital ourensá corresponden a vivendas de uso turístico). 

Outros datos recollidos no traballo sobre vivendas turísticas indican que a densidade (1,72 prazas por quilómetro cadrado) e a intensidade turística (4,08 prazas por cada 100 residentes) da provincia de Ourense son, con diferenza, as menores das catro provincias galegas. “En canto á distribución territorial da oferta de aloxamento da provincia de Ourense, como era de agardar, a comarca de Ourense é, con diferencia, a que máis establecementos e prazas oferta. Así, na actualidade, esta comarca dispón do 36,63% dos establecementos e do 27,87% das prazas”, indican as e os investigadores. 

Demanda e opinión dos turistas

No caso da demanda, o equipo investigador sinala que “aínda que foi posible segmentar os resultados por tipo de aloxamento e por áreas territoriais baseadas nas comarcas, non foi posible analizar a incidencia das vivendas de uso turístico, ao non ter dispoñibles os correspondentes datos de ocupación deste tipo de aloxamento”. En todo caso, na súa radiografía do sector de aloxamentos no seu conxunto, o proxecto recolle datos tales como que o número de viaxeiros aloxados nos establecementos de aloxamento tradicionais da provincia de Ourense pasa dun total de 349.475 en 2007 a un total de 407.754 en 2019, o que supón un crecemento do 16,68% ao longo do período de 13 anos considerado. Pola súa parte, o número de noites pasa dun total de 698.370 en 2007 a un total de 774.752 en 2019, o que supón un crecemento do 10,94% ao longo do período considerado. “En ambos casos, os efectos da crise económica iniciada no 2008 provocaron que o valor medio do período 2007-2019 sexa inferior ao valor inicial de 2007. Así mesmo, os datos reflicten moi claramente o efecto moi negativo da pandemia da covid-19 sobre os fluxos de turistas nos establecementos de aloxamento da provincia: no ano 2020, o número de viaxeiros diminúe un 52,49% e o número de noites un 52,10%”, comentan as e os autores do traballo. 

Por último, os resultados das enquisas realizadas ás e aos turistas ofrecen como resultado que “o prezo, a facilidade á hora de reservar e a localización (proximidade aos lugares a visitar e contorna onde está situado o establecemento) son os factores aos que os turistas conceden maior importancia á hora de elixir o tipo de aloxamento”. Tamén se comproba, indican os autores, que, para a maioría das dos enquisados o aloxamento non é un factor que inflúa de forma decisiva na elección do seu destino. O estudo sinala que “en canto ás vivendas de uso turístico, confírmase que son unha alternativa de aloxamento moi utilizada e que as plataformas P2P son o medio habitual empregado para buscar e reservar estes aloxamentos”. Fronte ao aloxamento hoteleiro tradicional, as vivendas de uso turístico, sinalan as e os investigadores, “son unha opción de aloxamento preferible para viaxar en familia ou con amigos. Ademais, o grao de satisfacción coas mesmas é moi elevado”.