DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa colección inspirada na obra de Henry Darger convenceu ao xurado

As 'Vivian Girls' de Elena Rial gañan o Debut 2013

Sara Moreno obtivo o segundo premio e Lucía Caride o Premio Desigual

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
M. Del Río DUVI 22/11/2013

Foi a penúltima en saír á pasarela, pero os seus deseños impactaron e convenceron ao xurado. A colección Vivian Girls de Elena Rial fíxose co primeiro premio do desfile Debut2013 apostando por uns deseños “baseados na obra de Henry Darger e os seus personaxes” como ela mesma explica. A obra deste escritor e ilustrador estadounidense reflíctese nas súas prendas en certo toque infantil, inspirados na obra La Historia de las Vivians, que describe a vida de sete princesas da Cristiana Nación de Abbiennia, que se enfrontan un réxime de escravitude infantil. As súas ilustracións e acuarelas están presentes nestes deseños a través dunha cor aplicada de xeito non uniforme, fuxindo da precisión do téxtil industrial. Tras recibir o premio, Rial amosábase desbordada, recollendo os seus deseños e tratando de acabar de crer que fose a gañadora. “Non o agardaba nin moito menos, sobre todo porque todas as coleccións era moi boas”, explicaba.
Pero a súa foi a elixida entre os 19 traballos fin de carreira dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza que concorrían a este premio por un xurado composto por Takanao Muramatsu, presidente de HPFrance; Marc Calabia, director de produto de Desigual; Juan Carlos Soto, director do Máster de Loewe (en substitución de Enrique Loewe que finalmente non puido asistir) e Jeanette Nkwate, de WGSN, compañía líder en investigación por internet de tendencias.

Nun Pazo de Congresos ateigado, Elena Rial compartiu protagonismo con Sara Moreno, que obtivo o segundo premio do xurado por unha colección escura inspirada no burka e no velo árabes. Neste evento tamén se fallou o Premio Desigual, ao que concorrían estudantes de Esdemga ao abeiro dun proxecto para deseñar prendas que continúen coa idea da marca catalá. Lucía Caride, alumna do primeiro curso foi finalmente a gañadora deste galardón, aínda que os traballos das seis alumnas participantes tamén se puideron visitar nunha pequena mostra que estaba situada no mesmo espazo do desfile. Ademais, e xunto cos deseños do Proxecto Desigual, os asistentes tamén puideron coñecer os resultados Knitting Experience no que, coa colaboración da deseñadora Sara Coleman, os alumnos e alumnas realizan propostas baseadas no punto.

Catro pases e moita creatividade

A directora dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza, Lola Dopico, deu a benvida aos asistentes, entre eles o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o reitor da Universidade, Salustiano Mato, lembrando que Debut non é un desfile ao uso, “é principalmente unha celebración académica, un proxecto educativo e creativo no que conflúen os traballos fin de estudos dunha nova xeración de creadores”. Pero ademais dos 19 proxectos dos alumnos e alumnas, no Debut houbo moito máis. A pasarela abriuse coa presentación “do que nós adoitamos chamar o proxecto Galicia”, explicaba Dopico, unha mostra dos traballos resultantes dun workshop sobre formas artesanais, procesos tradicionais, historia dos tecidos e, en definitiva, “memoria”, puntualizaba a directora de Esdemga. Entre os deseños algunha patela, reminiscencias do traxe tradicional galego, cores claros e algún que outro profesor facendo de modelo, como o docente de Belas Artes, José Chavete, para o que esta non foi a primeira vez.

Tras este primeiro pase chegou o momento para os 19 proxectos finais que subiron á pasarela a nenos e nenas e mozos e mozas ante a atenta mirado do xurado. Aplausos e ánimos do público para a creatividade dos estudantes que foron do bosque á praia, da lencería á roupa mariñeira, das flores e bordados á estridencia dos anos 80.
O relevo sobre a pasarela tomouno unha colección inspirada en Colette e a Revolución Francesa para pechar a velada cos proxectos dos alumnos e alumnas de segundo curso. En total, 70 coleccións e outros tantos modelos sobre a pasarela para unha velada de moda.

A semana da moda en Pontevedra

Este venres remata a programa desta semana da moda en Pontevedra cunha xornada técnica profesionais, que ofrecen aos estudantes de Esdemga a posibilidade de realizar as súas primeiras entrevistas de traballo. Para iso, pola mañá haberá na Casa das Campás un encontro con responsables de recursos humanos de Bimba & Lola; STLONIA; Adolfo Domínguez; Desigual e Pull & Bear.