DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vivir aprendendo e aprender vivindo

Familiares e docentes viviron con intensidade a graduación dos 51 estudantes vigueses do Programa de

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 19/11/2009

“Parece mentira pero xa pasaron tres anos”, esta foi unha das frases que máis se escoitou no acto de graduación do Programa para Maiores da Universidade. Tres anos de duro traballo pero tamén de inmensas satisfaccións para os estudantes do programa intensivo e cinco para os de especialización, graduados e graduadas superiores senior. Arroupados por numerosos familiares, nesta ocasión foron os fillos e netos os que acompañaron aos pais e avós e non ao contrario, salvo este detalle, o acto de graduación deste mércores non se diferenciou moito dos que viven os seus compañeiros máis novos: as mesmas caras de ledicia e orgullo, se ben a satisfacción era maior, para moitos, “a ilusión de toda unha vida”, tal como sinalaba Ángela Álvarez Córdoba que, con 77 anos, é a alumna de maior idade da promoción, xunto ao seu compañeiro Antonio Alves de 79, o alumno máis veterano.
En total foron 51 os estudantes que recolleron na EU de Estudos Empresariais os diplomas que os acreditan como graduados, 33 do programa intensivo e 18 dos superiores, unha cifra que se incrementa ano a ano e que supoñen a consolidación dun programa que se implantou no curso 2002/2003 co obxectivo de potenciar o desenvolvemento de coñecementos científicos e culturais, ademais de promover o intercambio xeracional entre maiores e mozos.
Nunha ocasional tan especial para a Universidade, tal e como destacou o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, as verbas de felicitación quedaron escasas para gabar os esforzos dos novos graduados. Sen embargo, todos os asistentes puxeron o seu gran de area para tentar logralo, non só o vicerreitor, tamén o director da escola anfitrioa, Patricio Sánchez, e o director do Programa para Maiores no campus de Vigo, Camilo Vázquez que, especialmente emocionado pola súa recente xubilación, foi o encargado de ler os nomes dos estudantes para que pasasen a recoller os seus diplomas. “Era de xustiza darlle a estas persoas a oportunidade que no seu día non puideron ter”, sinalou, ao tempo que lembrou os inicios do programa e o forte apoio que tivo dende o principio tanto desde o equipo de goberno como desde o persoal de administración e servizos coma dos propios docentes.

Volta ás aulas tras unha vida dedicada ao traballo

Os graduados foron eloxiados non só polo enorme mérito de acadar o diploma, senón polo simple feito de tomar a valente decisión de volver ás aulas despois de toda unha vida dedicada ao traballo. Entre eles múltiples historias, pero sempre un mesmo lema: vivir aprendendo e aprender vivindo, tal como resaltou Francisco Gaona, o alumno que interveu no acto en representación dos estudantes superiores e que se referiu ao programa “como unha lección que logrou sorprendelo no outono da vida”. Baixo o título Vivencias e alegacións, repasou con humor os anos de estudos, “nos que afondamos en mil historias distintas e nos que as distintas materias se converteron en todo un refuxio para nós”. Cun excepcional senso do humor, lembrou as viaxes realizadas (Atapuerca, Burgos, Meirama...), “ocasións para o lecer nas que conseguimos esquecernos do colesterol e os triglicéridos”, ou a ocasión na que a súa dona lle preguntou quen era a fermosa rapaza que o parou pola rúa para saudalo e preocuparse pola súa saúde, “pois, nada, unha compañeira da Universidade”.

“Todo un baño de xuventude”

En representación do programa intensivo interveu o alumno José Cera que estivo acompañado pola súa dona, outra das alumnas graduadas no acto, e por un fillo dobremente orgulloso, “para min é unha ledicia enorme ver como meus pais se gradúan xuntos neste acto”, sinalaba Enrique con satisfacción. “Meu pai xa era licenciado en Xeografía e Historia e miña nai ten un mérito engadido, xa que ela logrou sacar o graduado escolar e o bacharelato estando xa casada, con cursos a distancia e ensinanza nocturna”, resaltou, ao que engadiu “meu pai preparou a lección de hoxe con moita emoción e cariño”.
Pertencentes a unha xeración na que a maior parte das mulleres tiñan escasas posibilidades de chegar as aulas universitarias, nesta ocasión, resarciron os seus desexos recollendo este diploma. É o caso de Rosa Lobato que casou con 18 anos e logo chegaron os fillos, “naquela non puiden estudar pero agora si podo e é moi gratificante”, sinala. “Para min é todo un baño de xuventude”, sinala outra das súas compañeiras en relación ao feito de compartir aulas con “rapaces que poderían ser meus netos”.
“Vir ás clases é unha extraordinaria forma de manterse intelectualmente activo”, sinala Antonio Ribera, alumno de segundo curso que acudiu ao acto para ver a graduación dos “maiores”. Fíxoo acompañado por outros compañeiros, entre eles unha coñecida voz para os vigueses, Mª Jesús Garcés, que tras 32 anos dedicada ao xornalismo radiofónico, atopou no programa de maiores “toda unha terapia ante os numerosos golpes que a miúdo nos dá a vida”.

Vigo acollerá o encontro galego dos Programas de Maiores no 2010

O acto contou tamén coa intervención da madriña da promoción, a profesora de música Sonia Pérez que, claramente emocionada, resaltou o “estimulante e altamente satisfactorio” que supón darlle clase a uns alumnos tan agradecidos, unha afirmación que subliñaron e mantiveron todos os docentes presentes na graduación, entre eles, o vicerreitor Pedro Membiela, que tamén aproveitou a ocasión para lembrar que Vigo será a sede o vindeiro ano do IV Encontro dos Programas de Maiores, “será o vindeiro 8 de maio e nel reunirémonos cos nosos colegas do resto de campus e de universidades galegas”.
A actuación do coro e un pequeno convite puxo fin a este acto de graduación. Agora a aventura continúa para moitos deles matriculados en diferentes materias, “xa de xeito convencional en diferentes escolas e facultades”, sinalaba Álvarez Córdoba, “para que renunciar a algo que nos dá tantas satisfaccións”.