DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa Inglesa, promovida pola Vicerreitoría, abriu de novo as súas portas o pasado mes de setembro

Vivir no ensanche de Pontevedra coma se estiveses no centro de Londres

Catro estudantes comparten piso cunha nativa para mellorar os seus coñecementos nesa lingua

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 11/10/2013

Levan pouco máis dun mes convivindo xuntos nun piso da avenida Loureiro Crespo pero entre eles xa se crearon lazos de amizade difíciles de romper. Son catro estudantes do campus de Pontevedra e unha moza inglesa que está a facer o seu letorado nun centro de ensino secundario de Catoira. O bo ambiente que se respira no novo fogar destes cinco rapaces dá boa mostra do éxito que está a ter esta segunda edición da Casa Inglesa, unha iniciativa pioneira promovida pola Vicerreitoría na que aposta pola inmersión lingüística do seu alumnado mediante a convivencia titorizada en pisos compartidos con falantes anglosaxóns.

Iria Rodríguez, natural de Narón e estudante do primeiro curso do Grao en Comunicación Audiovisual, non pode evitar agradecerlle ao seu pai que atopase na rede información arredor da Casa Inglesa “mentres me botaba unha man para buscar unha residencia ou un piso na cidade”. A posibilidade de mellorar o seu inglés convivindo cunha nativa foi para a propia estudante “o empurrón que faltaba para que eu me decidise”, explica. Algo semellante lle pasou ao lucense Adrián Pérez García que viu nesta iniciativa da Vicerreitoría a oportunidade de mellorar os seus coñecementos nesta lingua, ampliando o seu vocabulario e perfeccionando a pronuncia do idioma. O único habitante de sexo masculino do piso, estuda terceiro de Belas Artes e xa sabe o que é compartir piso e vivir nunha residencia universitaria “aínda que isto é completamente distinto, nun primeiro momento ata cheguei a bromear con que todo o que acontece aquí formase parte dunha especie de experimento sociolóxico”.

Alba Fandiño, nada en Betanzos e alumna do programa de doutoramento Arte Contemporánea. Creación e Investigación, é outra das habitantes desta casa. Para ela a posibilidade de convivir con Katherine Budimir é de grande axuda “xa que estou a prepararme para realizar unha proba de nivel de inglés e Kate bótame unha man co listening e mais co speaking”. Tamén lle é de moita axuda a presenza no piso desta moza inglesa “xa que para elaborar a miña tese teño que ler moitos libros en inglés e con ela teño o mellor dos dicionarios ao meu lado”, explica a estudante de tercerio ciclo.

Uns melloran o seu inglés e Kate o seu español

A relación entre os cinco habitantes da Casa Inglesa é inmellorable e mesmo, o pasado 3 de outubro, os estudantes do campus pontevedrés agasallaron a Katherine Budimir cunha festa polo seu 24 aniversario. A moza inglesa amosase feliz coas botas e o broche que lle regalaron os seus compañeiros de piso e conta entusiasmada o saborosa que estaba a comida mexicana que preparou Adrián. Con todo, os rapaces inciden en que o seu día a día é igual que o de calquera outro grupo de amigos ou coñecidos que convive nun piso coa única diferenza que de “aquí debemos comunicarnos en inglés”.

Para mellorar os seus coñecementos do idioma Kate proponlle aos catro mozos galegos botar man de xogos infantís e ver películas e series en versión orixinal. Pero non son os alumnos do campus os únicos que melloran os seus coñecementos, senón que tamén esta moza inglesa, nada na cidade de Leeds e estudante de Linguas Románicas no seu país de orixe, mellora o seu español vendo os informativos e lendo diariamente a prensa. “Sorprende ver como subliña as palabras no xornal e apunta todo o que nós lle explicamos. Foi tal o interese que lle vimos por aprender que decidimos facerlle o carné da biblioteca para que poida ler todo canto queira”, explica Alba Fandiño. Con todo, as novas tecnoloxías non quedan á marxe desta aprendizaxe e os cinco comunícanse a través de Whatsapp en inglés e moi puntualmente en castelán para que Kate aprenda algunha que outra palabra nova.

Coñecendo a cultura inglesa, a española e, por suposto, tamén a galega

Os inquilinos desta segunda edición da Casa Inglesa non podían ser perfectos e non son moi hábiles na cociña, aínda que Kate si tivo a oportunidade de probar a maionesa caseira que fai Iria e a tortilla de pataca de Alba. “Para degustar pratos máis elaborados e típicos da nosa gastronomía vai ser mellor que a convidemos a comer ou a cear ás nosas casas”, comentan os seus compañeiros de piso. A pesar de levar poucos días na cidade, esta moza inglesa xa coñeceu o sabor dunha empanada galega e espera poder probar moi pronto o polbo á feira. Nas vindeiras semanas, a estudante comezará coas súas clases de baile galego tradicional e percorrerá varias cidades de Galicia, “xa que tamén quero coñecer o voso patrimonio artístico e a vosa xeografía”, destacou.