DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Tribunal de Garantías presenta un informe sobre as vivencias do alumnado no estranxeiro

Vivir unha experiencia única e mellorar en idiomas levan ao alumnado a sumarse aos programas de mobilidade

Unha delegación encabezada polo reitor presenta esta semana o Campus do Mar en Bruxelas

Etiquetas
  • Vigo
D. Besadío DUVI 05/04/2011
Ter unha experiencia internacional e mellorar o coñecemento de idiomas son as dúas razóns principais que levan a que cada curso sexan máis o número de alumnos e de alumnas que aparcan durante uns meses as súas vidas cotiás para vivir unha experiencia internacional cursando parte dos seus estudos no estranxeiro, ben nalgún país da Unión Europea cunha bolsa Erasmus, ben en calquera outro país dos cinco continentes cos que a Universidade de Vigo ten convenio. É un dos datos que aparece reflectido no libro A experiencia académica do alumnado da Universidade de Vigo en programas de mobilidade internacional, un traballo promovido polo Tribunal de Garantías co que se pon sobre a mesa unha radiografía detallada da experiencia académica do alumnado da Universidade que realizou parte dos seus estudos en universidades estranxeiras no curso 2009/2010.

Este curso participaron neste tipo de programas arredor de 700 estudantes e as solicitudes para o curso que ven, segundo indico una presentación do volume o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, superan xa as 1000. Cunha metodoloxía “rigorosa e exquisita”, como subliñou o reitor durante a presentación , o libro pon sobre a mesa variada información sobre o que acontece co alumnado da Universidade cando están no estranxeiro e cales son as súas sensacións. “É unha información que visualiza de que maneira están aproveitando a súa experiencia noutra universidade e para nós é moi importante porque nos indica de que maneira temos que mellorar”, apuntou o reitor, que acompañou na presentación aos dous coordinadores da obra, Luis Espada e Victor M. Martínez Cacharrón.

600 estudantes distribuídos en 31 países

En total participaron no estudo 330 dos 589 estudantes da Universidade que o curso pasado participaron en programas de mobilidade. Distribuídos en 31 países e 285 universidades de todo o mundo, preto do 70% destes estudantes realizaron unha estadía de curso completo e a inmensa maioría foron a aquela universidade que elixiran como opción prioritaria.

En canto aos principais resultados , o presidente do Tribunal de Garantías, Luis Espada, resumiuno nunha única frase, “todos volven moi contentos e recomendando aos seus compañeiros que vaian a mesma universidade que foron eles”. É unha frase indicativa que resume unha radiografía inzada de datos positivos , que inclúen boas valoracións, tanto no que se refire a idiomas, como ás clases, aos exames e mesmo as cualificacións obtidas –máis do 60% obtiveron un notable-.

Formación máis práctica

En comparanza coa docencia recibida na Universidade de Vigo “a maioría dos estudantes consideran que nas universidades de destino a docencia é máis participativa e que alí reciben unha formación máis práctica”, indicou Luis Espada, un aspecto que o reitor achacou ao feito “de que a maior parte destas universidades están xa totalmente mergulladas en Boloña”, polo que “supoñemos que en breve coa implantación dos novos graos este matiz desaparecerá”.

A Universidade dedicou este ano arredor de 70.000 euros de orzamento propio a axudas complementarias para os programas de mobilidade, “a nosa aposta estratéxica pola mobilidade é grande e serao aínda máis no futuro”, subliñou Mato que indicou que este tipo de achega “é un aporte complementario para que o custe desas estadías sexan menos gravosos para os nosos estudantes”.

Unha semana para presentar o Campus do Mar en Bruxelas

Tras unha primeira viaxe o pasado mes de decembro, cando se presentou o proxecto ao funcionariado galego que traballa nas altas instancias da Unión Europea, o Campus do Mar vivirá esta semana a súa presentación oficial na Comisión Europa. Será o acto central dunha viaxe que encabeza o reitor e que terá toda a semana na capital belga a unha delegación na que participan, ademáis do reitor e o director do Campus do Mar, Emilio Fernández, o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, e o director xeral de I+D+i da Consellería de Economía, Ricardo Capilla.

O programa da viaxe consta, segundo explicou o reitor, Salustiano Mato, de dous actos fundamentais: un mañá mércores na sede da Dirección Xeral de Mar e Asuntos Marítimos da Comisión Europea e, o outro, o xoves no Instituto Cervantes. No primeiro, na sede da comisión, vaise presentar desde un punto de vista técnico o que é o proxecto do Campus do Mar a todos os representantes de pesca e investigación da Unión Europea. Cunha conferencia impartida polo director do Campus do Mar, Emilio Fernández, e presentados polo director xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea, o galego Ernesto Penas Lado, “esta actividade vainos permitir explicar dunha forma moi clara e directa todo o que é e o que busca o Campus do Mar e, ao mesmo tempo, tamén nos vai facilitar visualizar cales van a ser os posibles aliados estratéxicos que poidamos ter en Europa para este proxecto”, apuntou Mato, apenas un par de horas antes de partir cara a capital belga.

No referido ao acto no Instituto Cervantes, o reitor adiantou que se trata dunha actividade organizada ao abeiro dunha exposición que está a ter lugar ao longo de toda a semana neste instituto arredor do mundo do mar. “Neste marco vou impartir unha conferencia na que tentarei transmitir o sentido estratéxico do Campus do Mar e explicar que nace como unha consecuencia lóxica e bonita da relación histórica que o pobo galego tivo sempre co mar”, subliñou.

Ademais destas dúas reunións, os integrantes da delegación realizarán, segundo subliñou o reitor, moitas outras actividades, “xa que máis alá do Campus do Mar estamos explorando posibilidades para moitos dos actores da nosa Universidade, desde o ámbito das filoloxías ata o das enxeñarías”.